.comment-link {margin-left:.6em;}

BOEDENSE

A bitácora de Boedense fai dous anos. ¡Como pasa o tempo! P. S: Mudeime a http://www.blogoteca.com/boedense

Domingo, Abril 30, 2006

BLOGOTECA

Estimados lectores desta bitácora:

Veño de descubrir moi recentemente a páxina Blogoteca, un espazo web que nos permite crear os nosos propios blogs integramente en galego, polo que decidín mudarme a este novo enderezo: Boedense. Recibide un cordial saúdo de quen escribe neste blog.

Terça-feira, Abril 25, 2006

25 de abril, sempre

Domingo, Abril 23, 2006

DÍA DO LIBRO


Chega novamente o 23 de abril, o Día Internacional do Libro. Son múltiples os actos que se celebran arestora en diferentes partes do Estado español e no universo blogueiro para celebrar esta data especial: o ingreso do escritor chairego Darío Xohán Cabana na Real Academia Galega (RAG), iníciase a lectura colectiva en homenaxe a Lois Tobío en Viveiro e os libreiros de case toda Galicia sacan os seus postos á rúa. Mais, como recólle Brétemas, non tódalas corporacións locais acollen co mesmo fervor este entusiasmo polos libros. Os argumentos da nosa "benquerida" alcaldesa viguesa para prohibir esta medida estriban na salvagarda defensa da "seguridade pública". ¿Acaso non había tal concentración de xente con motivo dos actos da Volvo Ocean Race? ¿Por que non se lembrou no transcurso dese acontecemento con igual intensidade da "seguridade pública"? Dende esta páxina, insto á señora alcaldesa a que diga a razón de fondo de tan sorprendente actuación. Non nos deixamos enganar. Simplemente diga a verdade se ten a afouteza necesaria.

Sexta-feira, Abril 14, 2006

II REPÚBLICA


Hoxe día 14 de abril conmémorase o 75º aniversario do comezo da II República e, á súa vez, o Venres Santo, unha data especial para os devotos católicos. O laicismo republicano e catolicismo unidos, moi ó seu pesar, nesta data. Un réxime legal (a República) e aqueles que se sublevaron contra el (contando co apoio da curia eclesiástica). Ás veces, o calendario gregoriano obséquianos con esas coincidencias antagónicas.

O BLOGMILLO OPINA: Cara ao vento, Brétemas (1), Días estranhos, Vigoblog.

Segunda-feira, Abril 10, 2006

PARABÉNS, PAWLEY


E o gañador do mellor blog noutras linguas constitucionais do Estado é ............ Días Estranhos. As miñas felicitacións, Pawley. Alén diso, as nosas felicitacións ós blogs galegos finalistas: Mensaxe nunha botella e VACA. O blogmillo, máis que nunca, está que ferve.

ASÍ OPINAN OS NOSOS BLOGUEIROS: Vaca (1,), Pawley(1), Si home si.

ADDENDA:
12/04/2006: Entrevista de Vieiros ó premiado Martin Pawley.

Quarta-feira, Abril 05, 2006

NENOS (III)


O neno chega ó colexio. Hoxe xoga un partido cos seus amigos. Chega cedo ó campo e ilusionado por disputa-lo encontro. Empurrado polo entusiasmo, é o primeiro en chegar, mais os outros non están. U-los demais? Non o sabe.

Segunda-feira, Abril 03, 2006

LEDICIA NO MORRAZO: PEAXE NUNCA MÁIS





Tras anos de mobilizacións da xente do Morrazo, por fin chegou a boa nova: antes do verán suprimirase de forma definitiva e universal a peaxe de Rande. Un día histórico para os morracenses, que observan que esta vez non os enganan os políticos nin desoen esta reivindicación histórica. "Señor Cuíña, era posible a supresión da peaxe". Hoxe demostrárono.

O BLOGMILLO OPINA: As túas balas.

Sábado, Abril 01, 2006

CUIÑA: O RETORNO

E despois de tantos intentos consumouse. Despois de tantos amagos, Cuíña presentou a súa demisión no PPdeG pola disconformidade coa liña política da nova executiva e do seu líder Núñez Feijoo. Segundo expresa a prensa galega de hoxe, a súa marcha non será a única. O sector cuiñista, liderado na nosa comarca polo alcalde cangués, Xosé Enrique Sotelo, unha serie de alcaldes da comarca do Deza puxo fin á súa relación co Partido Popular. Unha historia de encontros e desencontros que se vía vir. ¿E agora que?

Quinta-feira, Março 30, 2006

O FUTURO DOS FUNCIONARIOS



Acabou a boa vida....cando menos para os funcionarios

Quarta-feira, Março 29, 2006

COUSAS QUE NUNCA CAMBIAN


Mudan os tempos, pero non mudan as vontades.

ADDENDA:
30/3/06: Xa son 21 os detidos polo escándalo de corrupción de Marbella. Suma e segue.

TRADUZA-G

O Portal Vieiros vén de sacar un tradutor de galego (Traduza-G)en colaboración coa empresa Dimensiona para os xornais La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Mundo, El País, La Razón, La Vanguardia, El Correo, Libertad Digital, Cinco Días. Agora xa poderemos ler por fin as novas das edicións dixitais dos xornais galegos no noso idioma (non precisamente grazas ós seus editores).

Confeso que eu non me puiden resistir a proba-lo tradutor e os resultados son moi positivos. O nivel das traducións é moi eficaz. Os únicos problemas que atopei son algúns moi complexos de resolver e que requiren a ineludible figura do tradutor:

1. *Orballo Durcal por Rocío Durcal
2. Os textos que están en galego nos citados xornais tamén os traduce como se estivesen en castelán. Por exemplo o artigo galego "os" interprétao coma o pronome persoal castelán "os" e tradúceo ó galego por "vos".

Con todo, quero manifestar que estou moi contento co tradutor. Agora xa poderei ler a Jiménez Losantos (editor de Libertad Digital) e La Razón tamén en galego. Demasiadas emocións fortes!

Segunda-feira, Março 27, 2006

O PODER DO VENTO


Os fortes temporais das últimas semanas causaron danos "irreparables" na nosa terra, como é o caso da praia de Orzán (A Coruña). Os refachos de vento de 70 km/h provocaron o desprendemento do teito do Coliseum da Coruña. Unha grande perda, sen dúbida. Pero ese feito non é o peor. Por desgraza, tamén sucumbiu o último legado de Paco Vázquez: a macrobandeira española. ¿Será este o ocaso definitivo do ex-alcalde? De nada serviron os seis policías que vixiaban noite e día os 25 metros cadrados de tea. Quizais haberá que sancionalos por non "cumprir fielmente coa súa obriga"¿Serán os policías secuaces do BNG? Ante a magnitude da traxedia, eu aconséllolle ó alcalde herculino que faga unha colecta entre os seus conveciños para repara-la catástrofe descomunal.

Mentres tanto, tamén se poderá culpar das atrocidades da forza eólica ó BNG, a ERC, ó vento antiespañol ou a quen faga falta. ¿Será esta unha metáfora da "España rota"?

Ante esta lamentable perda só me veñen á cabeza as palabras de Felipe II logo do fracaso da Armada Invencible: "Non enviei ós meus barcos a loita contra os elementos", máxime cando os elementos teñen unha forza 6 e sopran a 70 km/h e unha bandeirola ousa desafialo.

O BLOGMILLO OPINA: VACA, Si home si, O ollo da vaca, Días estranhos, Si home si

Quarta-feira, Março 22, 2006

O CAMIÑO DA PAZ

Amence un día coma calquera outra sen grandes sobresaltos, un día rutineiro. Subitamente recibo a noticia a través dun familiar: ETA anuncia unha tregua permanente. A esperanza e ilusión de ver acabada a barbarie etarra por un momento apodérase de nós. Seguimos buscando máis información: a tregua permanente comezará o 24 de marzo. Non sabemos como reaccionar: ilusión ou precaución? Será esta a fin do comando terrorista ETA? O blogmillo non quedou alleo ao acontecemento.
ADDENDA:
23/03/2006: Segundo comunicado de ETA: ¿o camiño para a paz está máis preto?

Terça-feira, Março 21, 2006

A PALABRA MÁIS FERMOSA

Fágome eco da proposta do blogueiro Náufrago na que nos invita a que escollámo-la palabra máis fermosa do idioma galego. As miñas escollas son BOEDO, FURANCHO e FURANCHEIRO. Anímovos a que participedes.

P. S: Compañeiro Náufrago, dende hai uns días teño problemas de acceso ó teu blog

ADDENDA:

23/04/2006: E a palabra máis fermosa do galego é ..... vagalume

Segunda-feira, Março 20, 2006

O CONSELLO DE EUROPA CONDENA O FRANQUISMO

Unha boa noticia para comeza-lo día: o Consello de Europa condenou, a través da Comisión Permanente da Asemblea Parlamentaria, a barbarie e violación dos dereitos humanos producidas polo franquismo. Xa hai data para recordalo: o 18 de xullo, Día de Condena do
Franquismo.

Quinta-feira, Março 16, 2006

DEREITO A MORRER EN GALEGO


Case tódolos activistas lingüísticos reivindican o seu "dereito a vivir en galego", mais aínda non escoitei a ninguén que defendese tamén o "dereito a morrer en galego". A morte non é senón unha fase da vida. Pero non vos preocupedes, estimados lectores, pois non imos neste espazo facer unha reflexión pseudofilosófica sobre ámbolos conceptos.

Hai uns días lin unha noticia que me impactou a primeira vista: só o 0.1 % das lápidas funerarias de Galicia están na nosa lingua. Para paliar este déficit, os gobernos municipais da Cañiza, O Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela e Soutomaior subvencionará aos veciños que se decidan a emprega-lo galego nos seus epitafios. Agora poderemos descansar en paz.

O BLOGMILLO OPINA: A canción do náufrago.

Quarta-feira, Março 15, 2006

O CONCELLO X

Unha mañá chuviosa. Son as oito da mañá. A esa hora supostamente tería que estar aberto o concello X, mais a realidade é outra. Aparece a primeira persoa ás 08.05 para abri-las portas da Casa Consistorial. U-los demais? Gozando dun pracenteiro sono. As 08.00 da mañá non é hora para empezar a traballar. A quen se lle conte! A esa hora comezan a soar algúns espertadores no alegre fogar dos traballadores do Consistorio:

-Xa son as oito. As noites non chegan para nada-exclama un funcionario.

Son as 08.20. Empezan a chegar devagariño novos traballadores. As horas seguen transcorrendo. Tic tac tic tac. Xa son as 09.00. O Concello está a funcionar a Pleno rendemento. Celebremos este acontecemento irrepetible.

Segunda-feira, Março 13, 2006

OS E-MAILS CONTRA O ESTATUT E O CATALÁN


Semella que a cruzada contra o Estatut e o máis preocupante contra a lingua catalá está a cobrar cada vez máis forza, debido os excesos verbais dunha parte e da outra. Reproduzo textualmente un e-mail que acabo de recibir sobre o asunto [a tradución ó galego é miña; o orixinal está en castelán]:

"Despois din que hai CATALANOFOBIA. Alucinade co artigo aparecido no diario catalán Avui.

A continuación leréde-la tradución [ó galego]. A ligazón tédela abaixo para que premades nela porque se non se ve, non se cre. Di o seguinte: En Barcelona queda moi "hortera" falar en español, eu só o falo coa criada e algúns empregados. É de pobres e de horteras, de analfabetos e de xente de poco nivel falar un idioma que fai un ruido tan espantoso para pronunciar la iota. Estes que non falan catalán, a miúdo tampouco saben inglés, nin francés, nin quen é monsieur Paccaud. Pero no só en Cataluña o español é un síntoma de clase baixa. O amigo Riera facilítame estes datos da ONU do 2002:
Renda per cápita de Noruega, 36.600 dólares; Dinamarca, 30940; Islandia, 29.750. Tres países riquísimos, con economías internacionalizadas e linguas máis pequenas cá nosa pero que las falan sen complexos. Contra esta absurda crenza de que el catalán nos pecha portas, estes datos sobradamente elocuentes de se serve ou non serve unha lingua minoritaria. En cambio no marabilloso mundo hispánico a pobreza é o único dato. A media dos 13 principais países americanos que teñen o español como lingua, desde Arxentina, Chile e México ata Nicaragua, Honduras e Ecuador, é de 6.209 maltreitos, dólares de renda per cápita. Cataluña falando catalán e malia ó expolio fiscal infrinxido por unha España que non ten nin a decencia de publica-las cifras do roubo ten unha renda de 26.420 dólares. Temos que escoller modelo: Noruega ou unirnos á caravana da miseria. O independentismo en Cataluña está absolutamente xustificado aínda que só sexa para fuxir da caspa e do po, da tristeza de ser español".

SEN COMENTARIOS. PASÁDELLELO A TÓDOLOS VOSOS CONTACTOS. É IMPORTANTE QUE OS QUE NOS GOBERNAN SAIBAN O TIPO DE INDESEXABLES COOS QUE QUEREN CHEGAR A ACORDOS "COMO SEXA". QUE LLES DEAN A INDEPENDENCIA XA! PERO CON FRONTEIRAS XEOGRÁFICAS, ARANCEIS E COMAN ELES SÓS OS SEUS PRODUTOS".

Varios incisos ó respecto:

1. Teño curiosidade por saber se aumentou a tirada do xornal Avui e da súa edición dixital.

2. Ante os prexuízos vertidos polos xornalista sobre o castelán (pobreza, clase baixa), viñéronme á cabeza outros tantos estendidos noutrora sobre as linguas periféricas do Estado español.

Sábado, Março 11, 2006

T9 EN GALEGO

Hai uns meses escribía un artigo sobre unha interesante proposta dunha docente para darlle maior cabida e presenza ó noso idioma no ámbito da telefonía. Onte lin na prensa unha noticia que me alegra: a partir de agora, os teléfonos móbiles disporán da función T9 (dicionario preditivo para terminais celulares), mercé a un acordo entre o Secretariado Xeral de Política Lingüística e Telefónica Móviles. Deste xeito, percórrese un pequeno treito no cumprimento dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización Lingüística: "fomentar a presenza do galego nas novas tecnoloxías e na telefonía móbil" (sic). Os meus parabéns, á Secretaria Xeral de Política Lingüística e á cooperación de Telefónica Móbiles.

Quarta-feira, Março 08, 2006

I XORNADA DE INFORMACIÓN PARA DOCENTES DE CURSOS DE GALEGO

O pasado 7 de marzo asistimos á I Xornada de información para o profesorado que imparte cursos de formación en lingua galega, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e sobre ela exporei brevemente algunhas notas que tomei.

Presentación a cargo de Marisol López.- Unha intervención bastante breve, pero á súa vez moi clara, directa e contundente. A apertada axenda da Secretaria Xeral de Política Lingüística impediulle estar presente no resto de relatorios. Marisol López insistiu no traballo do seu Departamento na mellora e reformulación dos cursos de iniciación e perfeccionamento do idioma galego, ampliamente desenvoltos nos relatorios sucesivos.

1º relatorio: Un marco novo para a formación de adultos en Galicia, Concha Martínez Mayo:
- Defensa do multilingüismo fronte ó inoperante monolingüismo
- Reformulación e renovación dos cursos de galego a raíz da próxima integración do idioma galego en ALTE (Asociación Europea de Examinadores de Idiomas), organismo dependente do Consello de Europa, co obxecto de buscar unha maior calidade e separa-la formación e avaliación dos citados cursos.
- Modernización e urbanización da lingua galega: o ciberespazo (A autora incidiu na efervescencia do blogmillo como factor normalizador, citando como exemplo o blog de Brétemas e o portal Vieiros).

2º relatorio: Decálogo para a formación de adultos en Galicia, Maricarme García Ares.
-A diversidade do alumnado como factor enriquecedor e motivador.
- A procura da mellora da imaxe externa dos cursos
- Principais medios normalizadores nos cursos: potenciamento dos contidos orais, usos reais, insistencia nos temas de actualidade e as novas tecnoloxías da información e comunicación.

3º relatorio: O grupo como mediador na práctica docente, Agustín Godás Otero.
-As vantaxes e complicacións da dinámica de grupo nas aulas.

Sábado, Março 04, 2006

MENOS GALEGO NA RTVE


Se ben na teoría, o Goberno central iza reiteradamente a bandeira do plurilingüismo -como xa temos advertido reiteradamente-, polas novas que leo habitualmente semella que se dan pasos atrás. Un paso adiante, dous pasos atrás. Desta vez, os xornais infórmannos de que o novo plan de saneamento da RTVE, alén da redución do persoal laboral no ente público, provocará tamén unha notoria restrición das horas de emisión en galego. Semella, pois, sorretada a proposta da Mesa e do BNG de recuperar Radio 4 (en galego) tralo peche da Radio 4 catalá. Algúns podemos caer na tentación interpretar tales medidas como centralistas -para ledicia de algúns diarios a teor dos seus miméticos titulares-, mais por enriba diso son medidas contrarias ó plurilingüismo. O Consello da Cultura Galega xa mostrou a súa disconformidade coa medida ¿Por que o plurilingüismo é o grande afectado polos problemas económicos da RTVE?

Terça-feira, Fevereiro 28, 2006

BANEADA POR ESCRIBIR EN GALEGO


A miña informadora a Chateadora Infatigable infórmame dunha noticia que me causou estupor. Xulgade o opinade.


Hai unhas semanas, a Chateadora Incansable entrou nunha sala de chat "A Coruña" do portal de Terra e foi expulsada da mesma sala por expresarse por escrito en galego. A primeira vez recibiu unha advertencia do operador do chat de que se expresase en castelán. A Chateadora Incansable fixo caso omiso das advertencias do operador. ¿Quen lle podía prohibir a ela falar en galego no devandita sala "A Coruña"? O resultado foi contundente: a Chateadora Incansable foi baneada, isto é, expulsada por expresarse na súa lingua materna.

Molesta pola decisión do operador do chat, comunicoulle o seu caso á Chateadora Infatigable. Esta última non o dubidou ningún só instante e entrou naquel lugar inhóspito para os galegofalantes. Empezou a súa intervención en galego, pois a Chateadora Infatigable é galegofalante. Recibiu a primeira amoestación como lle sucedera á Incansable, mais ante esta actuación non recuou. Deseguida, púxose en contacto co operador e mostroulle o seu malestar. O operador argumentou que tal censura se debía a que el descoñecía o idioma galego. A Chateadora Infatigable fíxoo calar cos seus argumentos e despois seguiulle escribindo no seu idioma vernáculo ó resto de usuarios. Desta vez non a botaron. A razón estaba da súa parte.

Trala actuación da Infatigable, a Incansable puido acceder novamente ó chat e escribir en galego. Ninguén a botou fóra por exerce-lo seu dereito.

Quinta-feira, Fevereiro 23, 2006

O NOVO ESTATUTO E O GALEGO

Xa falta pouco -ou niso confiamos- para que bote a andar o novo Estatuto de Galicia e tal como sucedeu co Estatut catalán e valenciano, estou expectante ante á consideración do noso idioma no futuro marco estatutaria. Agardo que non se ergan voces catastrofistas e torpedeadoras contra a extensión social das referidas. A propósito deste tema pronunciouse hai unhas semanas o Consello Consultivo restrinxindo unha posible obrigatoriedade do galego á función pública (vg. o ensino). Vexamos as propostas neste apartado do BNG, PSOE, (O PP non presentou a súa proposta de reforma) e a situación actual.

ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA (1981)

ARTIGO 5
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.


PROPOSTA DE NOVO ESTATUTO (BNG)

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3. A língua galega
1. O galego é a lingua propia e oficial de Galiza. Todos os cidadáns e cidadás
galegas teñen a
OBRIGA DE COÑECELO e o dereito a usalo.
2. O castelán será co-oficial no territorio de Galiza.
3. Os poderes públicos de Galiza garantirán os dereitos lingüísticos dos galegos
e galegas, potenciarán o emprego da lingua galega en todos os eidos da vida
pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o
seu coñecemento. Todos os funcionarios e traballadores ao seu servizo teñen a
obriga de o usar no desempeño da súas funcións. O emprego do castelán
realizarse a pedimento de parte.
4. Ningúen poderá sufrir discriminación por razón da lingua.
5. O galego, como lingua propia, é:
a. A lingua de todas as institucións galegas, e en especial da Administración
galega, da Administración local, dos seus entes dependentes, das corporacións
públicas, das empresas e os servizos públicos, dos medios de comunicación
institucionais, do ensino e da toponimia.
b. A lingua preferentemente utilizada pola Administración do Estado e demais
entes estatais en Galiza na forma que ela mesma determine, polas demais
institucións e, en xeral, polas empresas e entidades que oferecen servizos á
cidadanía.
6. O idioma galego será a lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos,
e tal efecto:
a. O alumnado terá dereito a receber o ensino en lingua galega, nomeadamente
no primeiro ensino.
b. O persoal docente deberá facer uso da lingua galega no exercicio das súas
funcións educativas conforme se estabelecer legalmente.
c. A lingua galega será materia de ensino obrigatorio en todos os centros
educativos.
d. As administracións educativas promoverán o uso progresivo do galego como
lingua vehicular en todos os niveis educativos.
7. O coñecemento da lingua galega será requerimento obrigado para o exercicio
en Galiza da representación política e das
funcións administrativas, notariais,
rexistrais e xudiciais.
8. Os topónimos terán como única forma oficial a galega. Correspóndelle ao
Goberno galego a determinación dos nomes de lugar de Galiza.
9. A competencia sobre a fixación da variedade estándar da lingua galega
correspóndelle á Real Academia Galega, dacordo cos informes das
universidades galegas e das organizacións dinamizadoras do uso público do
galego.
10. O Goberno galego fomentará o emprego do galego nas zonas
galegofalantes do exterior de Galiza.
11. A lingua galega, como parte do sistema galego-portugués, será difundida, en
toda a súa produción cultural, nos países de lingua portuguesa
.

PROPOSTA DE NOVO ESTATUTO (FUNDACIÓN INICIATIVAS 21)

BASE I.
OS PRINCIPIOS FUNDAMENTAIS

6. A lingua propia de Galicia é o galego e todos os galegos teñen o deber de coñecela e o dereito de usala.
- Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
- A lingua galega será a lingua de uso normal e preferente nas Administracións públicas.
- En todo caso o seu coñecemento será requisito de obrigado cumprimento para exercer as funcións administrativas, incluídas as xudiciais.
- O galego será de uso oficial no Senado en canto Cámara de representación territorial, e impulsarase o seu recoñecemento como lingua oficial da UE.

ADDENDA

16/03/2006: Marisol López defende que o novo Estatuto reforce a situación da lingua galega.

O GALEGO E A MOCIDADE (II)


Os datos estatísticos do CIS amosan un dato estarrecedor: máis de 300.000 mozos declaran non usar nunca o idioma galego. Ante o coñecemento destes datos, o Director Xeral da Xuventude, o nacionalista Rubén Cela, está decidido a reverter este proceso de substitución lingüística: á xa referida neste blog campaña de sensibilización lingüística Galeguiza a túa vida uniranse outras máis en colaboración coa MESA ou a interesante figura do Voluntariado Lingüístico...

Unha mostra máis do interese existente no departamento pola situación da lingua galega nun sector chave: a mocidade. Mentres tanto, da actividade doutros departamentos neste ámbito, non semellan tan ambiciosas.

O BLOGMILLO OPINA: A canción do náufrago

Terça-feira, Fevereiro 21, 2006

CHUZA


Veño de ler en Vieiros a irrupción do blog de noticias Chuza, un web no que se dá cabida ás novas que os internautas rexistrados envía, logo penéiranse as noticias enviadas entre a comunidade de blogueiros rexistrados democraticamente e finalmente publícanse. Unha interesante iniciativa que dará moito que falar e á cal contribuiremos activamente se nolo permiten.

O BLOGMILLO OPINA: Brétemas, A regueifa

Segunda-feira, Fevereiro 20, 2006

FERRÍN, CANDIDATO A NOBEL

E, por fin, tras longos intentos (dende o ano 1999), a Academia Sueca aceptou a candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín, proposta polo PEN Club galego e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e avalada polo presidente da Xunta. Despois de varios anos de intentativas, por fin a Academia acepta ó escritor galego como aspirante a leva-lo prestixioso galardón: o premio Nobel. Será difícil que acade o máximo galardón máis sempre nos queda a ilusión. A ilusión de internacionalizar, aínda máis, a literatura galega. E quizais o próximo Premio Nobel de Literatura sexa un galego. ¿Por que non?



O BLOGMILLO OPINA: A canción do náufrago

Sábado, Fevereiro 18, 2006

FENOSA

Eran as 18.00 h. cando se foi a luz a causa dos fortes ventos. "Axiña volverá", pensou un servidor iluso. Mais foron pasando as horas: 19.00 h., 20.00 h, 21.00 h.... e a luz non volvía. Pensei en invoca-la figura divina para que "fixese a luz" tal como aparece reflectido nas Sagradas Escrituras, mais lembreime que a devandita instancia divina non cobra as facturas da luz nin do consumo eléctrico. Non quedaba outro remedio que chamar a FENOSA: unha, dúas e tres veces. Cada vez facíase máis escuro. Tan só faltaba a Santa Compaña. ¿Estamos de verdade no S. XXI ou é unha ilusión?

Mentres tanto tivemos que botar man de lanternas e candeas para satisface-los distintos tipos de necesidades que se nos presentaban, entre elas as de tipo fisiolóxico. Durante este período de sombras e escuridade lémbrome reiteradamente do Consello de Administración de FENOSA, en Florentino Pérez, en Pedro López Jiménez e non precisamente con termos positivos. Ó mesmo tempo, eu sigo coa miña inseparable compañeira, a lanterna. Ela non me abandona.


E, por fin, chegou a luz. Despois de catro horas de escuridade, sombras e tebras. A Fin do Mundo non chegou aínda, teremos que esperar outra ocasión. O primeiro que fago é deixa-la miña compañeira, a lanterna. Deica a próxima desventura, amiga lanterna, que coñecendo o "bo facer" de FENOSA non tardará en chegar. A luz volveu á miña vida novamente.

ADDENDA:
21/2/2006: Un veciño de Beluso (Bueu) denunciará a Fenosa

Segunda-feira, Fevereiro 13, 2006

EXPLOTACIÓN LABORAL

O correspondente Anacleto infórmame de certas prácticas abusivas dunha empresaria pontevedresa descoñecida para a opinión pública, pero non para quen a padece. A empresaria Z rexenta un centro de atención á terceira idade na nosa provincia. Unha empresaria que dubido que goce das simpatías dos empregados do centro, dadas as condicións laborais en que se atopan. Estes teñen un irrisorio contrato laboral por catro horas cando na práctica traballan doce horas; o persoal laboral traballa seis noites ó mes, durante as cales non está asegurado. Explotación laboral? Nese mesmo sintagma pensaba eu. Pero aínda hai máis. Algúns traballadores teñen a titulación académica de "auxiliares de enfermarí­a" cando están asegurados como "coidadores". ¿Beneficio económico ou seguridade laboral dos empregados? Para a empresaria a resposta é moi clara: "la pela es la pela e o que non queira traballar xa sabe onde está a porta". Para aumentar-la "produtividade" (palabra que escoitamos duascentas veces cada dí­a) da empresa, os auxiliares de enfermaría tamén realizan funcións de limpadores: limpa-lo po, fregar, lava-la roupa, secala, pasarlle o ferro, limpa-los vidros. Un traballo que a suprema xenerosidade da empresaria agasalla cunha paga de 510 €, dos cales 125 son negros. Ficción ou realidade? Cadaquén que xulgue.

Sexta-feira, Fevereiro 10, 2006

SIR PACO VÁZQUEZ E O VATICANO

Hai uns días recibín unha grata noticia: o noso "admirado" Paco Vázquez foi designado embaixador de España ante o Vaticano. Como vos confeso que son unha persoa incrédula, vexo o almanaque: hoxe non é o 1 de abril nin o 28 de decembro, polo tanto a noticia será certa.
Sigo lendo na prensa as diferentes interpretacións sobre o feito. As voces pro-Vázquez argumentan que é o galardón ben merecido a un animal político (nunca mellor dito, o de animal), a recompensa a unha traxectoria ¿impecable? (permitídeme, poñer o adxectivo entre signos de interrogación) e un intento do Goberno español por tender lazos entre o Vaticano e España. Que ben soa! Son uns argumentos que poden convencer a calquera, mesmo a un incrédulo coma min.

Polo contrario, a oposición ó agora ex-alcalde herculino esgrime outros argumentos: o deterioramento público da súa figura tras varias décadas de maiorías absolutas (teño unha estraña sensación de "deja vu"), irregularidades urbanísticas destapadas polo xornal La Opinión, a "estreita amizade" e "intereses inmobiliarios" compartidos entre Vázquez e o presidente da CEG. A quen credes vós?

Na Coruña, uns alégranse da marcha do alcalde herculino á Santa Sé e e outros aínda están máis contentos pero por motivos diferentes. "Paco deixounos", lamentan certos veciños conservadores entre saloucos. "Deixounos Paco", exclaman contentos os nacionalistas, os propios socialistas, esquerdistas e homosexuais.
Para consolar a uns e outros, simplemente vos direi que aínda que as despedidas adoitan ser duras, neste caso saberemos sobrepoñernos. Non credes? Outra dúbida se me presenta: será unha viaxe ó Vaticano de ida só ou de ida e volta? Só o Deus o sabe.
O BLOGMILLO OPINA: O Demo me leve (bis); Brétemas (bis)

Quinta-feira, Fevereiro 09, 2006

O BIPARTITO APROBA

E chegaron as primeiras notas para o bipartito, con óptimas cualificacións. As razóns para acadar o goberno estas boas notas hai que buscalas no sosego político que se respira en Galicia -noutros sitios, non pasa o mesmo- e, sobre todo na grande ilusión que temos os galegos. Como en tódalas enquisas, sempre hai lecturas favorables para uns e outros. Todo depende do ollo do analista.... ou da súa intencionalidade.

O BLOGMILLO OPINA: Brétemas

Sexta-feira, Janeiro 27, 2006

CINCO MANÍAS (OU MÁIS)

Ben, Lauridinha, cólloche o testemuño das cinco manías ou quizais máis. Deste xeito non te deixo colgada.

1) A puntualidade
2) Apaga-las luces.- Non soporto ve-la luz dun cuarto prendida cando non está ninguén nel.
3) As chamadas polo móbil.- Non aturo que non me respondan cando chamo por teléfono.
4) Andar a un ritmo acelerado.- Supoño que terá relación coa primeira manía.
5) Pecha-las portas cando están abertas.

Estou seguro de que teño un cento delas pero agora non lembro máis, Lauridinha. Feita esta paréntese para continuar coa proposta do teu blog, retomo as miñas "vacacións". Deica outra.

Terça-feira, Janeiro 24, 2006

VACACIÓNS

Motivado por unha serie de circunstancias, vou tomar unhas cantas semanas sen escribir no blog. Á volta, volverei con novas forzas para celebra-lo meu segundo aniversario que celebro no blog. Que rápido pasa o tempo! Parece que foi onte cando Turzi e Dorfun me iniciaron na blogosfera. Un sáudo para vó-los dous e para tódolos que ledes ou lestes algún dos artigos. É unha pequena ledicia persoal comprobar que alguén toma a molestia de le-lo que un escribe...

Segunda-feira, Janeiro 23, 2006

ÁGUEDA

Débora Fernández, María del Carmen Casal, Sara Alonso, Elena Calzadilla e agora Águeda González Portela. Todas elas mozas galegas vítimas da violencia sexista exercida contra elas por homes sen escrúpulos. Unha historia que se repite.
Águeda era unha moza de 21 anos, natural da parroquia de Baredo (Baiona). Un día colleu o coche para facer unhas fotocopias. Nunca máis volveu. A familia comezou a preocuparse. Logo deles, todo o pobo mostrou a súa inquedanza ante a desaparición da rapaza. Axiña a prensa galega e española se fixo eco da noticia.O desacougo medraba. ¿Volverían ve-lo riso de Águeda? ¿Sería outra vítima da violencia de xénero xunto coas rapazas antes citadas?. Días de angustia invadiron o ánimo dos seus familiares. A esperanza enfraquecía ata desaparecer. Por fin, viron a Águeda, pero morta. ¿Quen sería o autor de tal brutalidade? Simplemente un asasino.
A morte de Águeda fainos reflexionar sobre o enraizamento deste tipo de violencia na sociedade. Un tipo de violencia que exercen homes vellos coma mozos adolescentes. Un tipo de asasinato que empezamos a asumir como feito cotiá. De feito, cada vez que mercámo-lo xornal sempre hai unha noticia sobre violencia doméstica na sección de "Sucesos". Non falta á cita. ¿Cal é a receita para combater esta lacra

O BLOGMILLO OPINA: Brétemas

ADDENDA

25/01/2006: A Garda Civil intenta reconstruí-lo asasinato de Águeda

Sábado, Janeiro 21, 2006

NÚÑEZ FEIJO(SIC)
















Hai uns días vin o programa Buenafuente, en Antena 3. Un programa que non vexo moito ultimamente, mais ese día vino. A actualidade informativa da semana estaba protagonizada polo Estatut e polo congreso rexional do PPdeG, polo que os humoristas do programa decidiron facer unha parodia sobre Fraga e o sucesor. O Fraga ficticio entrou no plató emitindo ruídos aterradores e un andar devagariño e torpe. O símil quedaba ben claro entre Fraga e os extintos dinosauros. Ó seu carón, outro humorista parodiaba a Núñez Feijo (sic). Así aparecía o seu nome na pantalla. Entón lembrei as negociacións para o acordo de goberno entre o BNG e o PSdeG. Daquela o voceiro nacionalista apareceu no informativo de Tele 5 como "Antxo Quintana", como se do mesmo corazón de Bilbao procedese. Algúns restaranlle importancia a estes erros ortográficos e atribuiraos a un despiste ocasional dos xornalistas de ámbolos entes televisivos. Quizais lles poida dar unha parte de razón a quen así opina, mais a realidade é a que é. Isto non é máis ca un síntoma do peso de Galicia na política estatal. Nin máis nin menos. Pequenos detalles que teñen que cambiar.

Terça-feira, Janeiro 17, 2006

¿QUE FACEMOS CON ESTES LIBROS?

Co cambio de goberno, descóbrense actuacións do Goberno saínte que nos deixan ingratamente sorprendidos. Semella que o PP foi amoreando un total de 2.000.000 libros nos almacéns sen saber que facer con eles. A noticia causou certo estupor entre os editores galegos pola grande cantidade de exemplares almacenados. Os mesmos editores apuntan como solución unha maior racionalización da produción editorial da Xunta así como distribuír os exemplares entre as bibliotecas municipais e escolares galegas. Cal será o destino dos exemplares?

Segunda-feira, Janeiro 16, 2006

O GALEGO E A UE: O DESENLACE

Xa pasaron varios meses desde que o Goberno central se comprometese a que as linguas galega, vasca e catalá fosen oficiais nas institucións europeas. Daquela conseguíronse uns modestos avances, mais as expectativas agora non son tan optimistas. Esa é a opinión dos eurodeputados do Estado español
Entre os contrarios á incorporación do galego destacan posturas coma a dos parlamentarios franceses -temerosos de que no seu país se fagan eco tamén da iniciativa española-, a propia dereita española e aqueles países que consideran que coa ampliación dos países do Leste -e a incorporación das súas linguas- complican de seu o réxime lingüístico da UE. Neste sentido, a actitude adoptada polo Congreso dos Deputados nesta materia tampouco axuda moito.
Por desgraza, tamén percibimos certas contradicións no seo do Goberno, verbigratia a normativa emitida polo Ministerio de Defensa para que o Exército e a Armada empreguen unicamente o castelán nas actividades e servizos militares. Isto non creo que axude moito.
Un paso adiante, dous pasos atrás.
ADDENDA:
21/1/2005: O Parlamento Europeo próhibelle a un europarlamentario de ERC expresarse en catalán. Outro paso atrás.

Quinta-feira, Janeiro 12, 2006

XENTE DE AQUÍ E ACOLÁ(VI): OS "METICHES"

Non podía deixar pasar moito tempo sen falarvos doutro especime humano do noso contorno: o "metiches". A singularidade desta especie, fronte as outras xa tratadas no blog, é, sen dúbida, o don da ubicuidade. Os omnipresentes metiches - como di unha amiga- son coma as dependentas do Corte Inglés: cando as necesitas, non as atopas e cando non as precisas, brincan ó teu redor cal bolboretas. Semellan tamén os aterradores ollos do Gran Hermano que todo o ven. Ou se o preferides, son coma a Garda Civil que cando os precisas non os encontras e cando non os queres ver, obséquiante coa súa magnánime presenza.. Así son os metiches. Non lle hai que facer. Estamos condenados. ¿Serán a antesala da Apocalipse? ¿Terán razón as sagradas escrituras?

Co obxecto de evita-la Apocalipse bíblica quero informarvos, dende a miña experiencia, sobre o seu modus operandi. Tomade nota. Hai uns días estaba eu falando cunha amiga dun tema trivial, da impuntualidade. Estabamos tranquilos os dous. De socato, sentín un viruxe no oído dereito. "Seica mañá temos chuvia", pensei para min. De xeito inconsciente, dou a volta e confírmase o peor dos meus pesadelos. O Inspector de Facenda? Non. Moito peor. Adiviñástelo. É o metiches. Non podes escapar. Estás perdido. Non che serve de nada pedir auxilio. Onde está a Garda Civil agora? O metiche irrompe na nosa conversa. Ninguén o chamou, pero el uliscounos. Ninguén lle preguntou a súa opinión, mais el nun acto de suprema xenerosidade ofrécese a dárnola. Vade retro, Satanas. Socorro! U-la Garda Civil?

Terça-feira, Janeiro 10, 2006

AS REBAIXAS

Ós seus postos. Preparados. Listos. Xa. Efectivamente, chegou a época das rebaixas. Cando aínda non nos recuperamos dos excesos pecuniarios do Nadal, volvemos caer noutra artimaña perfectamente orquestrada polos comercios e grandes almacéns: as rebaixas. Recórdame ás trampas para paxaros que facía un veciño meu, aínda que neste caso as vítimas somos nós. E nesta campaña ben orquestrada teñen un papel decisivo os medios de comunicación. Outro ano máis, as cadeas de televisión retransmiten a súa inauguración como se fosen as carreiras de Alonso ou calquera outro acontecemento de masas. Milleiros de persoas agardando fóra da superficie comercial a que esta abra as súas portas. Cada unha delas tenta colle-lo mellor sitio. Todo vale: cobadazos, empurróns. ¿Acaso están a buscar un bo asento para asistiren a un concerto ou espectáculo? Non, é a neurose das rebaixas.

Que ven os nosos ollos? Dúas persoas, unha loira e outra morena, loitan coa súa poderosa forza hercúlea por un pantalón. Mohamed Alí contra Mike Tyson. ¿Quen gañará? ¿A loira? ¿A morena? Pois ningunha. O único derrotado foi o pantalón que deixou de selo. Non hai quen resista á neurose das rebaixas. Éche o que hai.

Proseguimos a marcha. Unha forza incontrolable apodérase de nós. Miramos un obxecto de decoración horrible. Non nos gusta pero tanto ten, está rebaixado nun 20 %. Vemos unha camiseta moi pequena rebaixada nun 45 %. Non nos serve pero tanto ten, está rebaixada. Xa adelgazaremos. O noso raciocinio fállanos. ¿Acaso fomos abducidos por seres doutra galaxia? Non sabería que responder.

Despois dun día esgotador, chegamos á casa. Collemos a carteira. Vemos qué contén no seu interior. Está baleira. Entón cavilamos. "Xuraría que antes estaba máis chea". Debe ter un grande buraco. Un buraco moi profundo. Mañá comprarei outra carteira que vin a metade de prezo.

Domingo, Janeiro 08, 2006

O EXÉRCITO: O ESPÍRITO DE 1936?


Como xa manifestei en anteriores opinións, semella que o momento actual da situación sociopolítica de España está evocando a II República. Son demasiadas coincidencias: unha dereita radicalizada cuns medios afíns aínda máis radicais (vg. a COPE), crispación política, a Igrexa nas rúas...e, por se isto, non era suficiente. Agora entra en acción un alto mando do exército reclamando a participación do órgano militar no caso de que a reforma dos estatutos superase os lindes constitucionais.. Véxome na obriga de recordarlle ó señor José Mena Aguado e ós seus incondicionais o que di o artigo 104 da sacratísima Constitución Española: "As Forzas e Corpos de Seguridade, baixo a dependencia do Goberno, terán como misión protexe-lo libre exercicio dos dereitos e liberdades e garanti-la seguridade cidadán". Precisamente, aquelas ocasións en que algúns mandos do exército ou da Garda Civil actuaron por iniciativa propia, España tremeu: a ditadura de Primo de Rivera, a sublevación fascista de 1936, o golpe de estado do 23-F... Supoño que os lectores coñecerán algunha fazaña máis do insigne exército. A mesma Constitución, no seu título IX, arts. 159 a 165 regula o Tribunal Constitucional, como único órgano responsable da interpretación da Carta Magna. De momento, o Exército non ten esa potestade e se a tivese....Dicía Groucho Marx que a intelixencia militar son dous termos contraditorios. Quero pensar que Groucho Marx estaba errado pero a realidade.....

O BLOGMILLO FERVE: O Demo me leve (bis)

ADDENDA:
18/01/2005: O exército segue dálle que dálle.
24/01/2005. The New York Times critica as declaracións do Xeneral Mena e a actitude do PP verbo delas.
26/01/2005: Reaparecen pantasmas do pasado: Tejero. Vade retro, Satanas.

Quarta-feira, Janeiro 04, 2006

O MINISTERIO DE SANIDADE E O GALEGO

Veño de ler unha noticia na edición dixital de Galicia Hoxe que me deixou un pouco sorprendido. No web do Ministerio de Sanidade e Consumo pódense ver nas diferentes linguas do Estado a tradución da campaña "Respetar los espacios sin humo es de ley. Espacio sin humo". Pois ben, a tradución realizada polo Ministerio aludido ó galego di así: Respeta-los espazos sen fume es de lei. Espazo sen fume. ¿Para isto temos unha Ministra de Sanidade galega? Pero non vos preocupedes, pois se queredes descargar os carteis podédelo facer dende a web da Mesa. Menos mal que hai quen amañe estes erros

Segunda-feira, Janeiro 02, 2006

XENTE DE AQUÍ E ACOLÁ (VII): OS FUMADORES

As dúas Españas. A España republicana e a monárquica. A España roxa e a España azul. A España franquista e a España antifranquista... e dende o 1 de xaneiro deste novo ano, grazas (nunca mellor dito, polo menos para os meus pulmóns) á chamada lei antitabaco establécese outra dicotomía: a España dos fumadores e a España dos non fumadores. E o mesmo sucede en Galicia: a Galicia dos non fumadores e a Galicia dos fumadores. Outra vaca no millo.

A risco de conseguir que os fumadores me declaren persoa non grata, vou facer unha pequena descrición subxetiva destes individuos. Correrei o risco. Os fumadores sonche persoas ben peculiares. Un fumador mira ti con cara afable e faiche a súa pregunta-trampa: "impórtache que fume?". Se algún fumador che formula esa pregunta, te-los días contados. Pide auxilio a quen poida prestarcho. Aquí che van uns consellos extraídos do meu manual de supervivencia do non-fumador. Toma nota:

a) "Non me importa que fumes"-respóndelle.- Quizais o fumador che agradeza a resposta, pero os teus pulmóns non creo que estean moi de acordo.

b) "Pois si que me importa".- Se o non fumador escolleu esta resposta, garantirá a saúde dos seus pulmóns. Como danos colaterais, pasarás a engrosa-la lista dos inimigos declarados da persoa fumadora e mesmo che poderá contestar "pois vou fumar igual". "Entón para que preguntas?", poderaslle responder ti. Así se fan amigos. Por enriba do dereito do fumador a fumar, está o teu dereito a respirar aire puro, exento de nicotina.

Só espero que o gremio dos fumadores non se poñan de acordo para manifestarse, porque estou de acordo que sería unha manifestación multitudinaria. Unha nova dor de cabeza para Zapatero. Outro dardo envelenado lanzado polo triunvirato (Rajoy, Acebes, Zaplana) contra as hostes socialistas. A manifestación contra a LOU, contra a LOE, contra o traslado dos arquivos de Salamanca, etc... terían unha participación baixa en comparación cunha hipotética manifestación dos fumadores. Estou seguro. Fumar ou non fumar; velaí a cuestión.

Domingo, Janeiro 01, 2006

UN GRAN PARTIDO

E, por fin, chegou o gran partido: Galicia contra Uruguai. O partido visto con entusiasmo na prensa galega (La Voz de Galicia, Vieiros) pero tamén con críticas da dereita e dos medios afíns (Galicia Hoxe). O campo de San Lázaro quedou pequeno para acubillar no seu seo ós siareiros galegos. Unha parte destacada destes afeccionados mostraban a bandeira galega coa estrela vermella. O rival nesta ocasión era Uruguai. Comeza o momento protocolario dos himnos. O público asistente escoita con educación o himno uruguaio e ponse en pé para canta-la letra do noso himno, para envexa doutros himnos ibéricos carentes de tan prezado elemento gráfico. Os asistentes ó encontro non deixamos de anima-la nosa selección. Malia a todo, para que non se preocupen os lectores, notifícolles que manteño intacta a voz. Mais sigamos co partido. A vitoria de Galicia foi moi clara. A nosa selección amosou un bo nivel de xogo e, por suposto, unha grande motivación. Froito desta motivación e do apoio dos siareiros galegos, a selección uruguaia non foi quen de impedi-la vitoria do combinado galego, que estivo arroupado por 12.000 gorxas que non paraban de animala. Entre os cánticos do público podiamos escoitar "Galiza, Galiza", "Unha nación, unha selección", "Caña, caña; o próximo partido contra España".

En suma, un éxito de afluencia refrendado polo éxito de audiencia que tivo a TVG coa retransmisión do partido e un resultado final moi claro: Galicia 3 - Uruguai 2. Cal é o próximo rival?

Domingo, Dezembro 18, 2005

TRADUTORE TRADITORE

Coméntame A. unha curiosidade que vola transmito. A. fixo unha procura no famoso programa de descargas Emule. Para a súa procura introduciu os seguintes vocábulos: "vaya semanita versión gallega". O resultado da procura foi un sketch do famoso programa de humor da ETB Vaya semanita.

No sketch aparecía un home natural de Euskadi que tiña dous fillos: un deles membros da Ertzaintza e o outro pertencente á kale borroka. Vaia sorte!

Na adaptación galega do sketch, que A. tivo a xentileza de deixarmo escoitar, cambiaba o contexto cultural. Desta vez aparecía un home que tiña dous fillos: un deles, membros da Garda Civil e o outro era de Cangas. A. ficou sorprendida ante esa adaptación.

Sexta-feira, Dezembro 16, 2005

GALEGUIZA A TÚA VIDA

Acabo de ler unha noticia que me causou certa ledicia. Parece que sopran novos vento na Xunta de Galicia. A Dirección Xeral de Política da Xuventude en colaboración coa Vicepresidencia de Benestar vén de anunciar unha campaña de normalización lingüística intitulada Atrévete a descubrir a túa verdadeira identidade. Galeguiza a túa vida. A campaña, que foi presentada por Anxo Quintana e Carlos Callón, recolle a estética de Mátrix e incide nun colectivo crucial para a lingua: a mocidade e, en particular, os neofalantes principalmente de extracción urbana). A este colectivo diríxese cunha linguaxe directa, clara e breve e cunha clara evocación á modernidade, reflectida na devandita alusión ó filme futurista. E desta vez si que se dialogou coa sociedade civil representada pola MESA. Outro pequeno paso. Por unha vez se ataca o problema de raíz.



Sábado, Dezembro 10, 2005

O ESTATUTO GALEGO (I)

A carreira pola reforma do Estatuto Galego xa comezou. Tralas propostas chegadas dende a sociedade civil, como é o caso do Foro Novo Estatuto e da Fundación Iniciativas 21, chega o momento dos partidos. O primeiro deles en facer pública a súa proposta foi o BNG. E xa se orixinou a primeira polémica. Un dos aspectos que levantou polémica da referida proposta, alén da consabida nomenclatura de "nación" para Galicia, é a posibilidade (que non obrigatoriedade, como algúns se obstinan en ler) de que os concellos galegófonos limítrofes de Asturias e Castela-León que así o desexen poidan unirse a Galicia. Mentres tanto, na Meseta Central temen os aires que lle chegan do noroeste. Uns témenos máis ca outros e mesmo se atreven a desprestixia-la proposta de outros comparándoa co papel hixiénico, mentres eles non publicitan a súa propia. Unha crítica destrutiva, propia da dereita.

O BLOGMILLO OPINA: Brétema

Sexta-feira, Dezembro 09, 2005

BO NADAL

Chega o Nadal. As rúas están adornadas coas luces tan propias destas datas. Os nenos están nerviosos esperando ansiosamente a chegada de Papá Noel, dos Reis Magos ou, se cadra de ámbolos dous. Mentres tanto, os seus pais ven como se baleiran as súas carteiras. "A nosa carteira debe ter un buraco ben grande, porque non deixa de desaparece-lo diñeiro". Todo sexa por ve-la cara de felicidade dos nenos egoístas.

Por outra banda, quero aproveitar este nadal para volver expresa-la mesma felicitación do ano pasado e celebra-la revitalización e os novos folgos con que rexorde Galego21.org, a todo o blogmillo por contribuírmos a expandi-lo noso idioma pola ciberaldea.
P. S: Fixástevos na irrupción da Blogosfera pro Rajoy.
ZORIONAK TA URTE BERRI ON (éuscaro)
BON NADAL I FELIÇ ANY NOU (catalán)
FELIZ NAVIDAD Y PRÓSPERO AÑO NUEVO (castelán)
e por suposto.........
BO NADAL E FELIZ ANINOVO
O BLOGMILLO FELICÍTAVOS: Turzi

Segunda-feira, Dezembro 05, 2005

OUTRO PEQUENO PASO ADIANTE

A miña amiga Z. hai un tempo atopou na estación de tren dunha cidade galega un cartel que dicía "buzón de suxerencias". Cavilou un momento e despois usou o mal chamado *buzón de suxerencias" para realizar un escrito dirixido a RENFE instándoos a que corrixisen o erro e, no seu lugar, escribisen caixa de suxestións. Sabedora do pouco caso que lle prestan ás cartas de reclamacións, Z. non albiscaba moitas esperanzas en que RENFE rectificase. Onte recibín unha mensaxe de de Z. Agora xa podemos ler na referida estación caixa de suxestións. Os grandes pasos lógranse a partir de pequenos pasos.

O BLOGMILLO FERVE: Aduaneiros sem fronteiras

Sábado, Dezembro 03, 2005

O PP E AS MANIFESTACIÓNS: HISTORIA DUN ROMANCE

Era unha vez un partido de dereitas. Un partido que atacaba as manifestacións, mais acudía en masa cando as convocaba (o Arquivo de Salamanca, a LOE, os matrimonios homosexuais, contra as retiradas das estatutas de Franco...). Un partido que se opuxo á Constitución, mais logo apropiouse dela con fins partidistas. Un partido que se definía de centro, mais o seu discurso era de dereitas ( e mesmo de extrema dereita, en ocasións). Un partido que quería a Cataluña, mais non facía que boicoteala a ela e ao Estatut. Un partido demócrata pero que miraba con nostalxia o franquismo, do que nunca renegou. Un partido de grandes contradicións interiores. En suma, un partido de dereitas.

Sexta-feira, Dezembro 02, 2005

A GUERRA DE SUCESIÓN (DE FRAGA): II

Seguen os aires revoltos na guerra de sucesión do PPdeG, como xa comentamos anteriormente. Desta volta, semella que os afiliados do PP de Galicia xa escolleron os compromisarios de cara ó congreso de xaneiro. Núñez Feijoo obtivo bos resultados tanto en Pontevedra coma na Coruña mentres que Ourense e Lugo decántanse sen miramentos polos inexpugnables Baltar e Cacharro Pardo. Precisamente agora Baltar, ante os resultados, opta por unha maior aproximación a Núñez Feijoo e deixa só ó seu amigo Cuíña. Amigos si, pero a vaquiña polo que vale.





Quinta-feira, Dezembro 01, 2005

DÍA INTERNACIONAL DA SIDA


Hoxe celébrase o Día Internacional da SIDA. Unha enfermidade ben coñecida por todos vós. A grande lacra das últimas décadas. Segundo as últimas cifras da ONU hai preto de 40 millóns de habitantes no mundo afectados polo VIH (26 millóns no continente africano). Unha enfermidade que se previr coa utilización do preservativo, pero algúns non están de acordo. ¿Quen non está de acordo? os de sempre.

O BLOGMILLO FERVE: Días estranhos, Aduaneiros sem fronteiras.

Quarta-feira, Novembro 30, 2005

BLOGS E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Algúns sinalan que o ano 2004 foi o da irrupción dos blogs. O aproveitamento que se lle pode sacar a este medio é múltiple: como creación cultural, como medios de información, como campo de experimentación para a literatura, como medio de contacto entre escritores e lectores e.... sorprendentemente como medio terapéutico. Sobre algúns destes temas xa tratamos en anteriores opinións e, polo tanto, remítovos a elas. Hoxe imos falar dos vencellos entre os blogs e a normalización lingüística do galego.

Segundo apunta Camilo Franco no artigo da Voz de Galicia, o número de bitácoras creadas en Galicia ascende a 300 (das cales, 108 tenas recollidas na súa listaxe exhaustiva o colectivo Blogaliza), aínda que medran diariamente a un ritmo vertixinoso, e estima que o 90 % das bitácoras creadas en Galicia están escritas no idioma galego, os blogueiros galegos escribimos50.000 post cada anocun promedio anual de 1.000.000. de visitantes. Datos esperanzadores dadas as carencias no acceso a Internet en Galicia (un 30 % dos fogares fronte á media europea do 60 %) e tendo en conta o perfil de idade dos blogueiros. Así é como se avanza na normalización do galego no ámbito da Internet: escribindo blogs no noso idioma, empregando o noso idioma nos chats, creando webs en galego.

ASÍ OPINA O BLOGMILLO: Brétemas, Días estranhos

Terça-feira, Novembro 29, 2005

NENOS (II)


O neno está a xogar ó fútbol. Alguén lle fai unha falta. Cae ó chan. Manca un xeonllo. Mira de fite en fite o sangue vermello correr polo xeonllo. Érguese mais o partido xa non lle preocupa. Tanto ten gañar ou perder. Desenténdese do partido e abandona os seus compañeiros de xogo. Simplemente lle preocupa a súa ferida. Máis nada.

Sábado, Novembro 26, 2005

PATRIMONIO ORAL GALEGO-PORTUGUÉS

Finalmente, non puido ser. A UNESCO non declarou a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués como Obra Mestra Inmaterial da Humanidade. Un grande desilusión. Con todo, a esperanza non se perde. Hai que seguir intentándoo. Así o recollen os distintos medios galegos (Galicia Hoxe, A Voz de Galicia) e españois (El Mundo , El País).

Despois desta decisión adoptada pola UNESCO só queda espazo para a analiza-las cousas que non se fixeron ben e aquelas que funcionaron correctamente. Entre os aspectos positivos, habería que destaca-lo esforzo a contrarreloxo da Consellaría de Educación, con Ánxela Bugallo á fronte (¡por fin se rompe o maleficio dos Conselleiros e Ministros de Cultura!), e o esforzo realizado polo Goberno portugués na promoción da candidatura, o apoio internacional. E entre os negativos.... algún malentendido con pobos veciños.

OUTRAS RECOMENDACIÓNS: Brétemas, Café Instantáneo.

Quinta-feira, Novembro 24, 2005

O CAUDILLO DE LA CORUÑA

Leo hoxe en Xornal.com, unha noticia que xa non resulta novidosa. Semella que Paco Vázquez lle volve dedicar unha boa parte dos impostos recollidos na cidade da Coruña á súa teima obsesiva. En que consiste esa teima obsesiva? En mellora-lo servizos públicos da cidade, en pilota-lo crecemento económico da cidade, en frea-la especulación urbanística na cidade? Lamentablemente, ningunha das tres opcións é a correcta. 17.000 euros dedicados a poñerlle o L diante do topónimo herculino. Eu, que son moi desprendido, ofrézolle unha solución máis económica. Dóolle desinteresadamente o "L" de condutor novel que garda meu irmán no coche. Deste xeito, poderá destinar esa cantidade de recursos económicos para soluciona-las problemas que si afectan á cidade (a perda de habitantes, a especulación urbanística...).

Mentres tanto, na Xunta de Galicia, a Secretaria Xeral de Política Lingüística ou o Presidente da Xunta calan. E dende as filas nacionalistas boto en falta unha declaración enérxica e contundente de Quintana, Ánxela Bugallo criticando a actuación de Paco Vázquez. Na cidade-Estado da Coruña, todo se lle permite ó seu Alcalde, verbigratia, vulnera-las leis (A Lei de Normalización Lingüística de 1983).

O BLOGMILLO OPINA: Aduaneiros sem fronteiras, Turzi
ADDENDA:
8/2/2006: A Secretaría Xeral de Política Lingüística descarta emprender accións xudiciais contra o concello herculino pola vulneración da lei en materia lingüística.
24/3/2006: O Concello recapacita: adeus a "La Coruña".

Quarta-feira, Novembro 23, 2005

XENTE DE AQUÍ E ACOLA(VI): EU SON ASÍ



Hoxe falareivos doutro tipo de xente que habita entre nós. Trátase dunha especie á que moitos de nós, por unha circunstancia ou outra pertencemos. A este grupo de individuos podemos chamalos coa etiqueta "Eu son así", pois é unha frase moi recorrente neles. Baixo esta oración acubíllanse unha serie de peculiaridades que a singularizan. Unhas singularidades que as fan seres únicos. "Eu son así" simboliza un reafirmamento da propia personalidade e individualidade. Algo necesario e indispensable. Nada que obxectar.

Con todo, en ocasións, baixo o parapeto da devandita oración algunhas persoas agochan certas actitudes que non son positivas para un mesmo nin para os demais e que denotan unha certa dose de egoísmo. Cadaquén pode ser como lle pete, sempre que respecte os dereitos dos demais. O "Eu son así" non debe se-la escusa para o insulto, vituperios, actitudes incívicas nin egoísmos. Todos debemos salvagarda-la nosa individualidade pero sen ataca-los demais. Somos seres individuais incluídos nunha colectividade.

Domingo, Novembro 13, 2005

13-N: NUNCA MÁIS



Por dignidade, non esquecemos.

Terça-feira, Novembro 08, 2005

NENOS (I)

Os nenos xogan ó fútbol no Colexio de B. . Un deles recibe un pelotazo dun rapaz maior, loiro. Que dor! O rapaz queda de pé no sitio calado. Non chora. Mostra unha cara pensativa. O rapaz maior non lle pide perdón. Simplemente ri ás gargalladas. Non pretende desculparse nin tampouco o sabe facer. Mentres tanto, o rapaciño segue xogando cos seus compañeiros. Ninguén lle pregunta se está ben. Tanto lles ten. Seguen xogando como se non pasara nada.

Domingo, Novembro 06, 2005

CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

Só quedan 18 días. Dezaoito días de espera cun desexo. O desexo de que a UNESCO declare a
Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade. Esta candidatura é unha iniciativa xurdida da Asociación Cultural Pedagóxica Ponte nas Ondas, apoiada por institucións galegas e portuguesas. Esta iniciativa, cuxa excepcionalidade reside no seu carácter transnacional, pretende estimula-lo recoñecemento internacional da cultura tradicional común a ámbalas dúas beiras do Miño para preservala, dala a coñecer a Europa e, o que é máis importante, ós cativos para que a coñezan, a valoren e fagan o posible para que non esmoreza mañá: un tesouro que non se ve e que non se debe soterrar.

Se aínda non mostraches o teu apoio á candidatura, aínda o podes facer. Algúns xa o fixemos.

Terça-feira, Novembro 01, 2005

CHAMADAS FRUSTRADAS

Estou sentado. Levántome ás presas. Teño que falar contigo dun asunto. Collo o móbil. Marco os nove díxitos que forman o teu número de teléfono: 6 _ _ _ _ _ _ _ _. Soa o primeiro tono; o segundo; o terceiro; o cuarto; o quinto; o sexto; o sétimo e o oitavo tono. Non respondes. Supoño que chamei nun mal momento. Agardo a túa chamada en canto puideres. Unha espera absurda e infructuosa. Non chamas. Mañá será outro día.
Pasou un día. Volvo chamar a unha hora diferente. Vou busca-lo móbil. Marco novamente os teus nove díxitos. Primeiro tono; segundo tono; terceiro tono; cuarto tono; quinto tono; sexto tono. Esta vez non agardo ata o oitavo. Desta vez, tampouco respondes. ¿Chamarasme máis tarde? Dubídoo. ¿Mañá será outro día? Será un chuvioso día.

Segunda-feira, Outubro 31, 2005

A GUERRA DE SUCESIÓN (DE FRAGA)

Foi o 19 de xuño de 2005. Os galegos botamos fóra do Pazo de Raxoi ós conservadores tras 16 anos de infructuosos intentos. Comezou un período reflexivo no PP de Galicia. "E agora que facemos?"-pensaban moitos militantes populares-. "Sálvese quen poida"-pensaba outros-.

As dúas grandes faccións do PP, os do birrete e os da boina obrigan a Manuel Fraga a adianta-la súa sucesión. El non quería. Os posibles candidatos a día de hoxe son, polo lado da boina, Xosé Cuíña, o ¿equidistante? Xosé Manuel Barreiro e, polo lado do birrete, o inconfundible Núñez Feijoo e López Veiga. Meses de tensións e liortas públicas: o Birrete contra a Boina; os urbanitas contra os ruralitas; rajoyistas contra cuiñistas.

O último episodio (non derradeiro) desta guerra sucesoria ten lugar na rede: Sucesion.net, Sucesion.es, Libertad Popular, Feijoo 2006, Alberto Núñez Feijoo e PPdeG.com. A rede asiste ás coiteladas duns a outros con incredulidade. E mentres tanto, o Vello...

Domingo, Outubro 30, 2005

ADEUS, LENIN!


Goodbye, Lenin! é, quizais, o filme máis galardoado cineasta alemán Wolfgang Becker. A película retrotráenos ó nacemento e ó esfarelamento do réxime comunista da República Democrática de Alemaña en 1989. Un ano de grandes cambios para os cidadáns alemáns, de oriente e occidente.

A nai de Álex, simpatizante e activista da doutrina comunista, entra en coma nos derradeiros de intres de vida da Alemaña Oriental e cando esperta aquela non existe: o Muro de Berlín foi derrubado. A saúde da nai é tan delicada que non pode recibir ningún sobresalto. Por esta razón, Álex intentará enganala facéndolle crer que todo fica igual. Unha ardua tarefa.

Adeus, Lenin! é, por unha banda, a historia dunha grande mentira (aínda que con intencións piadosas) e, por outra banda, unha reflexión crítica sobre o ocaso do comunismo (pero tamén do capitalismo) e o impacto que provoca na sociedade alemana, aínda hoxe presentes.

Segunda-feira, Outubro 24, 2005

CAMPAÑA CONTRA O ESTATUT DE CATALUNYA

Non descubro nada novo ó dicir que a reforma do Estatuto de Cataluña está a convertirse no tema estrela do debate político no Estado español. O PP profesa certa adversión á reforma do devandito Estatut, conforme ó legado tradicional da dereita española; os partidos nacionalistas catalán propugnan que o Goberno central non altere a literalidade do documento, mentres que o PSOE opta por facer funambulismo político, isto é, tender pontes a un lado e a outro (aínda que non todos están de acordo no seo socialista).

Tal é pánico que suscita o referido texto legal nas hostes populares, que estes comandados polo lexionario (nunca mellor dito) Ángel Acebes destinarán preto de 500.000 para a súa particular cruzada contra el.

Por sorte, algúns xornais dixitais coma Xornal.com xa manifestaron a súa negativa a acoller nas súas páxinas a falaz e enganosa propaganda do PP verbo do Estatut. Que cunda o exemplo!



Quinta-feira, Outubro 20, 2005

AS PRÉSAS

Saio do traballo e entro no coche. Son as 20:10. Conduzo ata a miña casa. Con calma. Non teño présa. Tarde ou cedo chegarei ó meu destino.

De volta á miña casa, vexo á miña dereita un cruce. De alí sae fugaz un coche. Unha saída arriscada e ousada. Tiña présa. Moita présa. Cal sería a razón? Pois nin llo preguntei nin me importaba sabelo. Case me leva por diante. Que facer neste caso: usa-lo pito do coche para comprobar se aínda está en perfecto estado ou prosegui-la marcha? Decido prosegui-la marcha. Xa comprobarei outro día se o pito segue funcionando. Non paga a pena alterarse nun día tan prácido coma este.

Continúo coa marcha. Uns metros máis adiante teño que volver determe. Cal é a razón nesta vez? Na escura noite vexo cruza-la estrada unha sombra. Será a Santa Compaña? os espíritos do Alén? Trátase dun transeúnte arriscado e ousado, coma o anterior condutor, que seguindo ó pé da letra aquela máxima fraguiana de "la calle es mía" cruza onde o estima oportuno. Dubido entre pitar ou prosegui-la marcha. Volvo escolle-la segunda opción. É un día demasiado fermoso para perde-los nervios.

Terça-feira, Outubro 18, 2005

UN DÍA TRISTE, SE CADRA


Chove. Volve a chuvia. A chuvia da melancolía. A chuvia da reflexión. A chuvia da rutina. Estás só vendo caer as pingas de auga unha a unha baixo o pano de fondo da escura noite. Pensas nas cousas que che pasou esta semana: reencontro con vellos coñecidos; persoas que coñeciches que hai uns anos e dos que te fuches arredando; unhas veces por culpa dun mesmo e outras, por causa de outros. Mais vólveste reencontrar con eles: con N., con R. e con O. Unha sensación de felicidade... Mentres tanto,fóra segue a chover. Chove con rabia. Chove con forza. Simplemente chove.

AS OPINIÓNS DOS BLOGUEIROS: O ollo da vaca

Domingo, Outubro 16, 2005

XENTE DE AQUÍ E ACOLÁ (V): OS SINCEROS

Cada vez que oio a alguén dicir que é sincero, póñome a tremer. Cal é a razón desta reacción miña? Pois ben, teño a impresión de que a xente que se define como sincera ignora o significado dese vocábulo. Cando dicimos cualificamos a unha persoa como sincera queremos dicir que non mente, finxe nin pretende enganar (Dicionario da lingua galega de Obradoiro).

As persoas referidas teñen problemas semánticos coa palabra sinceridade. Para eles, a sinceridade é sinónimo de mala educación. Baixo o escudo da sinceridade pódenlle dicir a calquera persoa que é unha "cabrona" ou unha "filla de puta". E despois rematan co seu retrouso: "é que eu son moi sincero/a". Como supostamente son sinceros teñen a potestade de te insultar cando o estimen oportuno. É que eles son moi sinceros.

Para este tipo de persoas, aqueles que non somos tan supostamente "sinceros" (permitídeme o eufemismo) coma eles somos cualificados de hipócritas, falsos ou outros adxectivos. Así é como pensan.

Quarta-feira, Outubro 05, 2005

XENTE DE AQUÍ E ACOLÁ (IV): OS INTERESADOS

Hoxe vouvos falar doutra especie en auxe no noso ecosistema. Trátase, como non podía ser doutra maneira, dos interesados. Coma no caso dos pasotas ou os chismosos, a quen me referín anteriormente, a persoa interesada presenta uns trazos singulares que intentarei expor de xeito claro.

A persoa interesada adoita usarnos ós demais coma un kleenex. Se lle fai falta a túa axuda porá en xogo -non o dubides- tódalas súas artes para conseguilo: un riso falso e camaleónico, unha sospeitosa amabilidade, un trato aparentemente afable.... e outra serie de astucias. Ti tratarás de axudala porque as túas obrigas laborais así o estipulan ou porque a túa natureza é altruísta. Pero.....

Velaí a volta á crúa realidade. As aparencias enganan. Unha vez que xa a axudaches xa non lle es útil ó devandito especime. Da noite para a mañá convértese nunha persoa amnésica: xa non se molesta en saudarte cando o atopas pola rúa; non se digna a dicirche o protocolario "ola" ou "ata logo" ben por desidia ben porque a súa capacidade intelectual se ve mermada tras "enganarte" para que o axudases. Así actúan os interesados.

Domingo, Outubro 02, 2005

2MIL.3: O CORRECTOR


Seguro que moitos de vós andades a buscar un corrector de galego que incorpore os cambios normativos de xullo de 2003. Pois ese corrector xa existe: 2mil.3. Se tedes o paquete Office 2000 ou Office 2003 non teredes ningún tipo de problema en instalalo, pero se tedes o Office XP, aí comezan os problemas.

En primeiro lugar, quérovos dicir que o Office XP xa leva incorporado un corrector de galego, pero este non incorpora os cambios de 2003. Para comprobalo, só tedes que abri-lo Microsoft Word e busca-lo seguinte itinerario: Ferramentas > Idioma > Definir Idioma; marcade a opción "Galego" e deshabilitade as opcións "Non revisar a ortografía nin a gramática" e "Detecta-lo idioma automaticamente".

Con todo, se o que queredes é dispor dun corrector de galego que incorpore os cambios normativos de xullo de 2003 no Office XP debedes face-lo seguinte:

1. Descargade o corrector 2mil.3.
2. NON INSTALEDES o corrector pois inutilizaredes o corrector de galego e quizais teñades algún problema co Word. Eu fíxeno e bloqueábaseme cada vez que puña o corrector de galego ou cada vez que copiaba texto de Internet nun documento Word.
3. Copiade os arquivos MSSP3GL.DLL e MSSP3GL.LEX (ámbolos dous son o corrector e o dicionario de galego) do corrector 2MIL.3 e pegádeos no seguinte itinerario: C:/Arquivos de programa/Arquivos comúns/Microsoft Shared/Proof. Preguntaravos se queredes substituí-los arquivos referidos por outros co mesmo nome e extensión (a versión antiga do corrector de galego que incorpora o Office XP). Substituídeos sen ningún tipo de medo. Xa dispoñedes dun corrector de galego cos últimos cambios.

Grazas Z. por dicirmo.

Domingo, Setembro 25, 2005

"IDIOMA RARÍSIMO"

Hai uns días decidinme a participar nun foro que creou unha amiga miña en Internet. A miña primeira participación no devandito foro consistía nun comentario banal sobre a a suba do tabaco e do alcol. Un comentario sen polémica ningunha.

Tras escribi-lo comentario, recibín a contestación doutro usuario, chamado CHINPIN, no que me aludía a min de xeito covarde sen menciona-lo meu nome e cualificaba o galego como "idioma rarísimo". Non tardei case nada en responderlle con contundencia.

Sexta-feira, Setembro 16, 2005

SECRETARIADO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

A escolla do Secretario/a Xeral de Política Lingüística foi un dos últimos asuntos pendentes que deixou o bipartito galego para conformar definitivamente o organigrama da Xunta de Galicia. Os distintos candidatos ó posto (Manuel González, Henrique Monteagudo...) foron vetados por algún dos dous partidos. Custou que se puxeran de acordo, mais ó final lográrono. Deste xeito, o cargo desempeñarao Marisol López, quen non é do agrado do BNG. Pídolle que actúe con dilixencia e con creatividade dende o seu cargo, como estou certo que fará.

DOMINIO .GAL

Cataluña conseguiuno. Tódolos internautas cataláns que o desexen poderán emprega-lo dominio .cat, o que supón o recoñecemento da súa realidade grazas á mobilización masiva da sociedade catalá. Esta proposta foi presentada en 2004, contando co apoio de máis de 68.000 usuarios, empresas e entidades catalanófonas de Internet. Un grande triunfo para tódolos cataláns.

E mentres tanto, o bipartito galego xa iniciou os trámites para un conquerir un dominio propio a través da Consellaría de Industria, gobernada polo nacionalista Fernando Blanco. Non podía ser doutro xeito. O dominio escollido para representa-la nosa comunidade será .gal

POR UN DOMINIO EN INTERNET PARA GALICIA!

ASÍ OPINA O BLOGMILLO: O ollo da vaca

ADDENDA:
29/1/2006: A partir do 23 de abril o dominio .cat estará a disposición dos internautas.
16/2/2006: O blog de Maragall xa está na rede.
12/04/2006: Distintas asociacións, individuos e empresas se unen para reivindicar un dominio propio para Galicia: nace a Asociación PuntoGal.

Segunda-feira, Setembro 12, 2005

SELECCIÓN GALEGA, Á FIN

Tras anos de obstáculos por parte da Xunta, por fin bota a andar a selección galega de fútbol. Aínda quedan bastante flecos por pecharse coma, por exemplo, convocatorias de xogadores, escolla de adestradores. Pero outros flocos xa están resoltos; os capitáns serán Fran e Otero e o estadio que albergará o partido será San Lázaro, en Santiago de Compostela. Todo grazas á xestión de Domínguez Olveira, Director Xeral para o Deporte. Sopran aires novos na Xunta. Selección galega, por fin neste inverno!

O BLOGMILLO FERVE: Aduaneiros sem fronteiras

Domingo, Setembro 04, 2005

FEIRA FRANCA DE PONTEVEDRA

Hoxe estiven en Pontevedra visitando a Feira Franca. Durante dous días - 2 e 3 de setembro-, a cidade de Pontevedra retrocedeu varios séculos ata a Idade Media, como acontecera unha semana atrás en Ribadavia. Príncipes, princesas, guerreiros e leprosos, entre moitos outros tipos do Medievo, apropiáronse do casco histórico pontevedrés. Ó seu carón unha multitude de postos ambulantes, ornamentados ó xeito medieval, adornaron a cidade do Lérez. A miña amiga Z. realizou un escrito nun libro de visitas realizado con material da época. Téñovos que confesar que os postos ambulantes de carácter gastronómicos foron os que máis me encheron o ollo. Cadaquén ten as súas prioridades como se ve.

Tódalas cousas boas teñen período de caducidade e así chegou o momento de regresármonos á casa pero antes acompañamos a V..... e P....... ata a estación de autobuses. Precisamente alí, un minuto antes de que o autobús saíse, atopei unha coñecida, Uxía. Mais ben foi ela quen me viu a min. Foi un "encontro fugaz", pois un minuto máis tarde, saía o autobús con destino a Vigo. Se les esta opinión, envíoche un saúdo, Uxía. A ti e a cantos me ledes.

En suma, pode dicirse que foi un día que pagou a pena e que espero repetir na vindeira ocasión.

Quinta-feira, Setembro 01, 2005

FAHRENHEIT 9/11


Hoxe pola mañá vin a película-documental Fahrenheit 9/11, do comprometido director Michael Moore, o terror dos conservadores estadounidenses. O documental é, sen dúbida, unha denuncia manifesta e aberta da xestión política do insigne presidente George W. Bush, quen precisamente agora descendeu considerablemente no índice de popularidade.O filme comeza pondo en dúbida os resultados disputados das eleccións presidenciais do ano 2000 entre o republicano George W. Bush e o demócrata Al Gore. O cineasta norteamericano cualifica os devanditos comicios como fraude electoral, achegando datos que corroboran a súa afirmación, aínda que o tema está máis desenvolvido no seu libro Estúpidos hombres blancos. Por esta razón, anímovos a que leades o libro.O nó temático do documental, como se aprecia no título, está centrado nos tráxicos sucesos do 11-S. A escusa do 11-S, segundo Michael Moore, permítelle á Administración norteamericana iniciar unha serie de actuacións ruíns: recorte das liberdades democráticas mediante a Patriot Act, invadir Afganistán e Iraq so pretexto de acabar con Al-Qaeda (as razóns eran outras, de índole económico) e captar de maneira ruín a mozos das zonas deprimidas de EE.UU para se enrolaren no exército. Cando os ricos fan unha guerra, son os pobres os que morren(Sartre). A guerra é unha masacre entre xentes que non se coñecen, para proveito de xentes que si se coñecen pero que non se masacran' (Paul Ambrosie Valèry). O propio Michael Moore preséntase diante do Congreso para captar para o servizo militar estadounidense ós fillos dos congresistas, mais obviamente danlle as costas. ¿Por que? ¿Acaso non senten a patria coma as capas humildes do país?

Terça-feira, Agosto 23, 2005

INCENDIOS


O verán adoita ser unha estación con poucas novidades informativas. Polo xeral, os telexornais adoitan poñer noticias de recheo para completa-lo baleiro informativo deste período (fichaxes de fútbol, queimaduras). Pero este verán é diferente. Os incendios cubriron de borralla outra vez. Tal magnitude alcanzaron os incendios que xa son un dos temas de conversa recorrentes neste período estival. Quen son os culpables? A escaseza de precipitacións, os ignorantes pirómanos ou as accións dos imprudentes ou malintencionados , sen descartar os intereses económicos da industria madeireira ou a inexistencia dunha política forestal seria.

Mentres non castiguemos ós pirómanos (ou mellor dito, "terroristas ecolóxicos"), mentres non eduquemos ós neglixentes e mentres non se elabore unha política forestal rigorosa estaremos abocados a ver lume, lume e lume pola nosa paisaxe.

Sexta-feira, Agosto 19, 2005

BIBLIOTECA GALEGA DE CLÁSICOS UNIVERSAIS

Lin hai uns días na Voz de Galicia unha noticia que causou moita ledicia.

O xornal coruñés porá á venda ó prezo dun euro (máis o prezo do xornal), obras chave da literatura universal traducidas ó galego. Trátase de 40 obras que forman parte da Biblioteca Galega de Clásicos Universais de autores coma Shakespeare, Cervantes, Cicerón, Flaubert entre outros. Esta iniciativa segue o ronsel da Biblioteca 120 e da Biblioteca Autores Galegos en Castelán. Unhas medidas certamente plausibles. Os meus parabéns ó señor Fernández Latorre. Con todo, a miña alegría sería moito maior se o devandito xornal se comprometese a darlle maior cabida á nosa lingua nas súas páxinas cotiás. Se isto chegar a producirse, mesmo felicitarei ó señor Bieito Rubido, mais son ben escéptico.

Quarta-feira, Agosto 17, 2005

DÍA DA GALICIA MÁRTIR



Hoxe é o día 17 de agosto de 2005. ¿Que ten de especial esta data? Hai uns 68 anos, os sublevados fascistas fusilaban na Caeira (Poio) ao líder galeguista Alexandre Bóveda, figura clave do nacionalismo galego de preguerra e un dos artífices do Estatuto de Autonomía de Galicia (1936). Dende aquela, o nacionalismo galego conmemora tódolos 17 de agosto o día da "Galiza Mártir", unha homenaxe ós asasinados polo terrorífico réxime franquista.

Dezaseis anos despois do mandato fraguiano, a TVG faise eco desta festividade e o noso Vicepresidente, Anxo Quintana, pretende que a Xunta inicie a recuperación da memoria histórica de vítimas do franquismo, como por exemplo o budetense Johán Carballeira e o coñecido Alexandre Bóveda, claro está. Xa era hora!
ADDENDA:
1/03/2006: O Congreso dos Deputados rehabilita simbolicamente a figura de Alexandre Bóveda. Xa era hora!

Domingo, Agosto 07, 2005

II REPÚBLICA (bis)


Tras realizar unhas lecturas cheguei a unha conclusión: dende a vitoria do PSOE nas últimas eleccións xerais estamos asistindo a un revival da II República. Parece coma se os cidadáns do Estado español quixésemos trazar unha liña espazo-temporal continua dende o ano 1936 a hoxe, excluíndo a longa noite de pedra que supuxo o franquismo. ¿Cales son as coincidencias entre aquel período e este? Exporeinas dunha maneira sintética.

1. O espírito da "Frente Popular". En 1936 o PSOE presentouse nas eleccións a Cortes con outros partidos de esquerda, principalmente comunistas (PCE), anarquistas (CNT) e nacionalistas periféricos (o Partido Galeguista, no noso caso) baixo a coalición Frente Popular.

O 11 de marzo de 2004, o PSOE gañou as eleccións pero sen a maioría absoluta, polo cal tería que buscar como socios a IU (no seu interior, ten un grande protagonismo o PCE), ICV e ERC; a mesma coalición que goberna Cataluña dende 2003 (PSC-PSOE, ICV, ERC) e moi semellante ó bipartito galego (PSOE e BNG). Se no ano 1936, os partidos de dereitas advertían do "desmantelamento de España" emprendido polo PSOE, sesenta e nove anos máis tarde o PP usa os mesmos argumentos.

2. Os Estatutos de Autonomía. No ano 1936 a Frente Popular incluía no seu programa electoral a creación de Estatutos de Autonomía para Galicia, Euskadi e Cataluña. O Estatuto galego sería aprobado ese mesmo ano. Precisamente, grazas ás súas aprobacións, as tres comunidades adquirirían coa Constitución Española de 1978 o rango de "nacionalidades históricas".

Hoxe en día, a reforma dos Estatutos de Autonomía está a converterse no centro do discurso político. A dereita defende con tódalas enerxías a inmutabilidade dos Estatutos (precisamente, nos comezos da democracia opúñanse a eles; ¿evolucionou?); a esquerda é partidaria duns leves retoques, mentres que os nacionalismos periféricos defenden maiores cotas de autogoberno na carreira pola reforma estatutaria. Como ben dicía Alexandre Bóveda, as leis son a "forma que en cada intre se dá a unha realidade social" e precisamente esta mudou moito dende 1978 ata hoxe.

Hai uns poucos meses o Congreso dos Deputados votaba en contra do "Plan Ibarretxe" por sobrepasa-lo marco constitucións. Décadas atrás, en setembro de 1931 o proxecto de Estatuto vasco fora rexeitado nas Cortes españolas polo mesmo motivo.

3. Tensións entre o Goberno central e a Igrexa. Durante a etapa republicana, as relacións entre o Estado e maila Igrexa non pasaron por un bo momento. Entre as súas causas, destacaron medidas laicas como a prohibición de usar crucifixos nas escolas, os matrimonios e enterros civís, e a lei do divorcio. Todas estas leis acabaron coa paciencia da Igrexa que non o dubidou nin un só momento e dispuxo de todo o seu arsenal para mante-la súa situación privilexiada: as manifestacións nas rúas, as arengas dende o púlpito.

Dende a chegada de Zapatero ó poder, as relacións do Goberno coa Igrexa deterioráronse. Entre as súas causas hai que menciona-la reforma da lei sobre o divorcio, a legalidade dos matrimonios homosexuais e a adopción de nenos por parte destas persoas así coma a reforma educativa. Por todo isto, a Igrexa - secundada pola dereita- non dubidou en manifestarse novamente, en usa-lo púlpito para arenga-los fieis nesta "cruzada" contra o goberno estatal.

4. Radicalización da dereita e agromo da extrema dereita. O PP e os redutos da extrema dereita aproveitaron as ocasións que se lles presentaron para fustriga-lo goberno socialista, verbigratia, a manifestación sobre a integridade dos papeis do Arquivo de Salamanca e o apoio ás manifestacións da curia eclesiástica (vid. ut supra).

Que sucederá agora? No ano 1936, produciuse o alzamento fascista que truncou e segou moitas vidas e moitas ilusións. Sesenta e nove anos máis tarde, ¿como seguirán os acontecementos?

5. Protagonismo das mulleres.- A II República supuxo a concesión á mulleres de dereitos dos que non gozara antes do período (por exemplo, o sufraxio universal), de tal xeito que a muller gozou dun status que non coñecera endexamais.

Desde a chegada ó poder dos socialistas, as mulleres convertéronse en obxectivos do novo goberno; a paridade de homes e mulleres na vida política, a lei contra a violencia sexista ou a axilización dos divorcios son bos exemplos que dan fe deste cambio esperanzador na situación sociolaboral das mulleres.

Quinta-feira, Agosto 04, 2005

CANGAS NA II REPÚBLICA (2ª parte)


Durante o período republicano, o concello cangués estivo rexido polo político, Francisco Eiroa, do Partido Republicano Radical, que tras uns inicios esquerdistas e autonomistas - gobernou co PSOE-, axiña se converteu nun partido conservador e antiautonomista -coincidindo co achegamento á CEDA-. Deste xeito explícase o desinterese mostrado polo consistorio verbo do Estatuto de Autonomía de 1936.

No abano ideolóxico da esquerda destacaron Izquierda Republicana, o PSOE e a CNT mentres que o PCE e o Partido Galeguista tiña escasa presenza, a diferenza do que acontecía en Bueu co alcalde galeguista Johán Carballeira.

O PSOE, formado por moitos canteiros, participou no primeiro goberno republicano. O seu posterior período na oposición propiciaría un cambio de estratexia: a partir de 1934 decide aproximarse ós partidos de esquerda (anarquistas, comunistas, nacionalistas periféricos...) a través da Frente Popular, que rexería o cabido cangués mediante unha xestora en 1936. Na xestora a CNT e PSOE terían dous concelleiros cada un deles.

Froito dunha escisión da ala esquerdista do Partido Radical nacería en 1935 IR, que ostentou a alcaldía na figura de Agustín Jorge Echeverri dende 1936 baixo a xestora da Frente Popular, á que contribuirían con catro concelleiros.

Este avance da esquerda non o podía tolerar a dereita (Unión Regional de Derechas; CEDA), que coa complicidade da extrema dereita (Renovación Española) e da Igrexa non parou de pórlle cambadelas á República: os vituperios do cura de Aldán dende o púlpito á República en 1932 ou as manifestacións de mulleres relixiosas -instigadas pola URD- ante as medidas laicistas da esquerda gobernante (retirada de crucifixos nas escolas, lei do divorcio, enterros e matrimonios civís...), entre outras.

Foi con este caldo de cultivo como se produciu a insurrección dos falanxistas. A consigna deles era moi clara: acabar con todo o que arrecendese a "roxo"(queimaron material das sociedades obreiras e mataron a moitos políticos progresistas). Para levar a cabo a súa masacre contaron co apoio dos conserveiros Cervera, Bolívar, Massó, Paganini e Montemerlo e con sectores de poboación desfavorecidos pola crise económica que vían a súa oportunidade de levar comida á boca.

Entre as torturas realizadas polos falanxistas chamáronme a atención as seguintes:
-O asasinato dun falanxista a mans doutros falanxistas en estado de embriaguez. (Ata nin para eles eran bos!).
-A Alejandro Fernández Rodal torturárono, cortáronlle os xenitais e depositáronllos na súa propia boca.
-A un músico socialista tivérono tocando un instrumento de vento ata que lle rebentaron os beizos...
-Ós políticos locais Agustín Jorge Echeverri (IR), Víctor Sánchez (PCE) e Lorenzo Corbacho (PSOE), fusiláronos tras un previo consello de guerra. Anos máis tarde, o irmán do líder cangués de IR chegaría a ser rector da Universidade de Santiago e condecoraría a Franco como doutor honoris causa (para ter irmáns coma ese, é mellor ser fillo único).

En suma, o alzamento fascista supuxo o encarceramento de moitos políticos cangueses, supuxo máis de 40 mortos (de entre eles, 35 procedían da parroquia de Darbo), principalmente canteiros e mariñeiros. Aproveito esta última liña, para agradecerlle ó autor Xerardo Dasairas que me permitise adentrarme na realidade canguesa durante a etapa referida. Moitas grazas.

Terça-feira, Agosto 02, 2005

CANGAS NA II REPÚBLICA (1ª parte)

Hai uns días rematei de le-lo libro Memorias da II República en Cangas sobre a situación económica, política e social de Cangas na II República. Na presente opinión, dispóñome a tratar do xeito máis conciso posible os temas que máis me chamaron a atención do devandito libro.

A economía canguesa na década de 1930 tiña no gremio dos mariñeiros e no turismo os seus motores económicos, sen esquecérmonos do colectivo dos canteiros. Ó pulo do turismo contribuía o atractivo turístico da praia de Rodeira e o servizo de vapores de Cangas a Vigo, aínda que a carencia de hoteis lastraba o crecemento do sector. Arredor dos mariñeiros artellouse unha potente industria conserveira, común a todo o litoral galego na que sobrancearía o nome do conserveiro de orixe catalá Massó.

A crise bolsista de 1929, coa conseguinte redución das exportacións de peixe ó exterior, e maila crise pesqueira causada pola caída de prezos da sardiña desembocará no aumento da pobreza, das enfermidades, do paro e, xa que logo, dos conflitos sociais na vila. Xerardo Dasairas achega os seguintes datos: en febreiro de 1936 había 2000 desempregados na vila; en abril-xuño do mesmo ano Cangas rexistrou un total de 7.100 parados. As contas do Concello tampouco eran mellores; de feito, en decembro de 1932 chegou á bancarrota. ¡Malos tempos para a lírica! Ante o aumento da pobreza e das enfermidades, o Concello creou a Xunta de Beneficencia Local co obxectivo de dispensarlle gratuitamente fármacos e medicamentos ás persoas con poucos recursos.

Por se a situación non era delicada de seu, a vila presenciou, entre outros, os naufraxios das traíñas Dolores (1931) e Josefa (1934) - con cinco mortos cada un deles- e da motora Azaña, con 22 vítimas mortais. Mais as catástrofes sempre teñen unha vertente positiva e neste caso supuxo a solidariedade do pobo cangués cos afectados e a consolidación do sindicalismo mariñeiro moi activo durante o período citado.

Na etapa republicana adquiriu un papel protagonista o sindicato La Alianza Marinera, que chegou a contar con máis de 1500 asociados. Tras supera-la fase inicial de mutualismo durante o período prerrepublicano, axiña se converteu no estandarte do movemento sindical mariñeiro cangués, con constantes tensións cos armadores. Durante a maior parte da etapa republicana, a organización estivo na órbita do anarquismo da CNT, coincidindo cunha actividade máis reivindicativa (numerosas folgas e manifestacións), froito da cal foi "obsequiado" con tres bombas que estouraron no seu local. ¿Quen sería?

O gremio dos canteiros tamén xogou un papel chave no movemento sindical cangués (boa proba disto foi a dura represión exercida polos falanxistas contra este colectivo profesional). Os canteiros integráronse na Sociedade de Oficios Varios tinxíndoo dun verniz socialista. A maioría dos afiliados procedían da parroquia de Darbo (a que máis sufriu a violencia fascista dentro do municipio cangués) e a súa figura máis destacada foi o canteiro Lorenzo Corbacho.







Quarta-feira, Julho 27, 2005

OS TEMPOS SON CHEGADOS

Xa comeza un novo periplo na historia política de Galicia. A coalición PSOE-BNG rexerá os destinos dos galegos durante os vindeiros catro anos se nada raro sucede.

Para darlle a benvida ós novos gobernantes, o Goberno en funcións da Xunta tivo a amabilidade de formatea-los discos duros dos ordenadores da Xunta segundo recolle Galicia Confidencial. ¿A que se debe tal alarde de xenerosidade? Os incrédulos coma min pensarán que os populares querían que os seus ordenadores estivesen impolutos e limpos ante a formación dun novo gabinete; os malpensados, creredes que recibiron instruccións de borrar tódalas probas que os puidesen delatar verbo das tropelías feitas dende o poder. Cadaquén que escolla.

O outro gran agasallo con que obsequiou o PP á nova coalición de goberno foi a concesión das TDT á Voz de Galicia e á Cadena Cope. Os malpensados creredes que é o pagamento ó servizo ben realizado por eses entes ó PPdeG, pero estades novamente enganados. Eu penso que é o recoñecemento ó labor ben feito no eido da comunicación.

Comeza agora o momento da ilusión e agardemos que o novo executivo non nos falle.

Domingo, Julho 24, 2005

OUTRA VEZ POR AQUÍ

Onte, 23 de xullo, tiña a televisión acendida na TVG. Meu irmán estaba a ver un partido do Real Madrid en terras chinesas, mentres eu lía un libro. De socato, interrompeuse a retransmisión do partido para emitir un avance informativo. Estrañoume moito. Non debía ser cousa boa.

"Explosión dunha bomba en Santiago de Compostela", anuncia a presentadora do telexornal. Respiro aliviado ó saber que non houbo ningunha persoa falecido. É un alivio. Seguinte pregunta que nos facemos. Quen foi o responsable? Non teño noticias. Comezo a divagar. Serían membros de Al-Qaeda que atacaban a cidade nas vésperas do Día de Galicia, sobre todo tralos sucesos ocorridos en Londres e Exipto? Ou acaso sería a sempre presente banda terrorista ETA? Sigo buscando información e arréstase a dous membros de AMIcomo presuntos culpables da explosión. Non me merece ningún respecto aqueles que recorren á violencia para defender unhas ideas. Lamentable.

Quinta-feira, Julho 07, 2005

LETRAS GALEGAS 2006: LUGRÍS FREIRE


A Real Academia xa seleccionou a figura a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2006. Para quen non o saiba a persoa homenaxeada será Manuel Lugrís Freire. Seguiremos no 2006 cos ollos postos na emigración trala homenaxe deste ano a Lorenzo Varela, lembraremos a un dos fundadores da RAG e unha das persoas que máis esforzos realizou polo teatro galego de comezos do S. XX e, como efeméride, foi o primeiro en usa-lo galego nun mítin político en 1907 co sindicato Solidaridad Gallega. Cando chegue a data do 17 de maio de 2006 falaremos máis polo miúdo desta personaxe. Mil primaveras máis para o galego.

O BLOGMILLO OPINA: Turzi

Segunda-feira, Julho 04, 2005

XENTE DE AQUÍ E ACOLÁ (III): O PREGUICEIRO


Seguindo co noso periplo faunístico, desta vez imos falar doutra especie que lamentablemente abunda no noso contorno (ou esa é a percepción que teño): o "preguiceiro" ou "pasota". Cadaquén que escolla o termo que máis lle agrade. O preguiceiro do que falamos ten semellanzas co animaliño que mostramos na foto, aínda que incordia bastante máis ca el.

Teño as miñas dúbidas sobre a orixe deste especime. A miña intuición dime que non se trata dunha especie autóctona e aínda que non teño datos obxectivables que me permitan confirmalo.

O pasota ten un comportamento específico que o singulariza fronte ó resto do contorno faunístico. Se algún de vós ten a ousadía de pedirlle un favor a un "pasota", desistide. O pasota no canto de dicirvos "si" ou "non" á vosa petición, simplemente subirá levemente o ombreiro. Este é un órgano que teñen ben desenvolvido, pois sóbeno e báixano con grande frecuencia. Curiosamente, eu non coñezo a ningún "pasota" que padecese algunha fractura, escordadura ou calquera outro tipo de lesións nesa parte do corpo. É o grande misterio da natureza.

Noutras ocasións, o "pasota" adorna ese peculiar movemento do ombreiro con oracións coma as seguintes: "Fai o que queiras", "Como queiras", etc... ou un movemento dos beizos imitando ó rinchar dos cabalos, aínda que con menor intensidade. Forma parte da ampla gama de movementos do "pasota".

As actitudes do "pasota" cada vez teñen máis eco no noso contorno a través dos máis novos como se dun parasito se tratase. Pero non vos preocupedes, algúns organismos xeran o seu propio antídoto ante os efectos devastadores dos "pasotas". Agardo que non esteades infectados cos seus síntomas.

Segunda-feira, Junho 27, 2005

PP, FÓRA DA XUNTA



Nin sequera os filmes de Alfred Hitchcock teñen tanto suspense como tiveron as eleccións galegas de 2005. Semellan un partido de fútbol con prórroga incluída.

O partido do 19-X rematou cun resultado moi axustado, polo que todo quedaba pendente da prórroga (ou se queredes, os penaltis), isto é, o polémico voto da emigración. Tivemos que agardar oito días máis para saber quen rexerá os destinos de Galicia: ¿o PP? ¿ou a coalición PSOE (négome a chamalos PSdeG ata que sexan merecentes de seren denominados así) e BNG? Podería brindar co cava que baixei o día 19 de xuño para celebra-los resultados ou teríao que deixar sen estrear?

Por fin chegou o día decisivo, o 27 de xuño. Tódalas miradas estaban postas en Pontevedra e en menor medida, en Ourense. Comeza a prórroga do partido. Tal foi a importancia outorgada ós resultados do voto da emigración en Pontevedra que cada partido levou 11 interventores, entre eles destaca a figura do insigne Federico Trillo.

Un incidente cun cable que pisou un señor un chisco zoupón retrasou o escrutinio, pero finalmente ás 20:15 rematou de realizarse. Comezaba o reconto de votos, pero antes xa estaba a primeira polémica. ¿De que partido? Do PP, por suposto. O motivo da discusión son uns 4.000 votos que carecen de data de orixe, polo que foron declarados votos inexistentes. Mesmo chegaron a insinuar que o Goberno venezolano aliouse con Zapatero para lle arrebatar o poder da Xunta. Non saben perder. Protestou toda a plana do PP: o "incansable"Ángel Acebes, Federico Trillo, Eduardo Zaplana,Xosé Crespo... Pero perderon. Por fin os derrotamos.

E curiosamente, derrotámolos o día no que se conmemora o 69 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936. A ocasión ben merece un brinde. E precisamente para brindar, saquei da neveira o cava que metera alí dentro o 19 de xuño.

O BLOGMILLO FERVE: Aduaneiros sem fronteiras, Café instantáneo

Sábado, Junho 25, 2005

XENTE DE AQUÍ E ACOLÁ (II): OS DIXOMEDÍXOMES


Outro dos males que ten a sociedade, despois da impuntualidade (sen xustificación, claro está) son os dixomedíxomes, contos, chismes ou murmuracións. Todas elas palabras sinónimas.

Existen persoas profesionais da materia. Na súa maioría, son xentes que percorren casas co obxecto de obter información para "traficar" con ela; xentes que veñen a falarlle mal de alguén ós teus familiares, botan o seu anzol para pescar información e marchan a outro fogar no que posiblemente falen mal de ti; xentes hipócritas que se consideran coa potestade moral de emitir xuízos de valor sobre ti e mesmo goberna-la túa vida sen que ti lles pedises consello previamente. A miúdo son persoas dotadas dunha grande falsidade, hipocresía, egoísmo e baixeza moral. Persoas que non merecen ser chamadas persoas.

Terça-feira, Junho 21, 2005

ELECCIÓNS 2005 NO MORRAZO: RESULTADOS


Cando tan só queda o reconto do voto emigrante, imos facer unha breve valoración dos resultados dos comicios galegos de 2005 na comarca do Morrazo.

A comarca do Morrazo conseguiu os resultados máis satisfactorios para o BNG na provincia de Pontevedra e, se me apuras, diría que en Galicia. Fronte á tendencia de suba espectacular do PSOE e de baixada suave de PP e BNG, na nosa comarca invertiuse esa tendencia. O BNG sobe nun 1 %, o PSOE nun 10% e o PP baixa un 8% mentres que a FPG duplica os seus votos e EU vai perdendo a escasa presenza que ten na comarca.

Por concellos, os populares conseguen resistir en Marín onde practicamente mantén os mesmos votos absolutos ca en 2001, aínda que a porcentaxe de voto ó partido diminúe nun 4 %. Con todo, non conseguen frea-lo duro golpe que reciben en Cangas do Morrazo e en Bueu, onde perden doce e oito puntos porcentuais respectivamente. Das 72 mesas electorais da comarca, o PP gaña en todas agás en sete de Cangas, catro de Moaña e unha en Bueu.

O BNG logra mante-los resultados en Moaña e sube tanto en Bueu coma en Cangas. Nestes tres concellos é a segunda forza política máis votada; polo contrario, en Marín, sobe en termos cuantitativos pero baixa en termos porcentuais, sendo a terceira forza política da vila. O BNG gaña en sete mesas electorais canguesas (2 situadas no colexio de Nazaret, unha situada en Rodeira, unha mesa de Cimadevila e as tres mesas de San Roque), tres colexios electorais moañeses ( Ramón Cabanillas B, Porta do Sol y Domaio-Palmás) e unha en Bueu (Colexio A Pedra) ata facer un total 11 mesas nas que resulta gañador. O 11.8 % dos votos que recibe o BNG na provincia proceden da nosa comarca

O PSOE sobe de xeito destacable en tódolos concellos do Morrazo, aínda que os resultados máis espectaculares obtenos en Marín e Cangas. En canto ás mesas electorais, resultou gañador na mesa electoral moañesa da Guía.

Non quero deixar de lado á FPG quen consegue duplica-lo seu número de votos na comarca grazas ós bos resultados obtidos en Cangas. Pasiño a pasiño. Un dato ben significativo: o 15 % dos votos totais que recibiu a FPG proceden da comarca do Morrazo.

Conclúo facéndovos unha pregunta ¿É O Morrazo unha comarca "roxa"? Estarían ben estes resultados no conxunto de Galicia. Va que si?

Segunda-feira, Junho 20, 2005

O SOSPEITOSO VOTO EMIGRANTE

Como se dunha película hitchcockniana se tratase, o suspense segue nas eleccións galegas deica o próximo. O futuro dos que vivimos en Galicia está nas mans do voto emigrante. Dito noutras palabras, os galegos que vivimos aquí todo o ano dependemos doutros galegos que non viven en Galicia. O futuro de Galicia depende de persoas que apenas veñen a Galicia (quizais un mes de vacacións e mais nada), pois xa teñen a súa vida feita en Arxentina, Uruguai, Suíza, etc... Estas persoas teñen a facultade de escoller presidente no país no que se atopan e mais en Galicia. Iso como se come. E non só os galegos de primeira xeración, senón tamén os seus fillos. Paréceme un paradoxo que unhas persoas que non viven aquí poidan decidi-lo futuro do noso goberno para os que aquí vivimos todo o ano. Parece mentira que unha persoa poida votar 17 veces se lle apetece, ou que os falecidos voten. Isto non é ciencia ficción. Isto é unha realidade en Galicia. REFORMA ELECTORAL XA!

Quinta-feira, Junho 16, 2005

XA QUEDA MENOS

O domingo os galegos votaremos o cambio no goberno da Xunta de Galicia. Cando xa quedan poucos días para os comicios, penso que se pode facer unha pequena análise do transcurso desta intensísima precampaña.

O primeiro que quería destacar foi o grande papel realizado pola Internet nesta campaña electoral. A maioría da contracompaña son contrarias ó PP, que non se prodigou moito neste ámbito se exceptuamos o Grupo Risa. Tampouco debemos esquece-la importancia das mensaxes a móbiles, tanto por unha banda coma pola outra.

En canto á participación dos políticos, dáme a impresión de que Fraga se agochou moito, salvo para proferir algúns comentarios moi desafortunados. Quen deu a cara no PP foi Núñez Feijoo ó principio ata que Mariano Rajoy de aparecer en primeira liña, quen exerceu de capitán do navío. ¿Acaso Rajoy teme ser relevado da Presidencia do PP se perden estas eleccións galegas? Eu penso que así é. O argumento estrela da campaña foi o Plan Galicia. Coma sempre, o PP soubo pór de relevo o tema que máis lle interesaba para os seu futuro electoral.

No navío do PSOE, dado o escaso carisma que ten, a meu parecer, a figura de Touriño contou coa implicación decisiva de Zapatero, quen, ó igual que fixo Rajoy, relegaron ós candidatos galegos a simples telespectadores. ZP e Rajoy déronlle un verniz "estatalista" a esta campaña, na que se falou pouco do Prestige como temiamos. O Grupo Prisa e os media afín ó PP entraron na campaña con forza, obstinados en implantar un bipartidismo estéril e inoperante en Galicia. Un bipartidismo que os galegos non queremos. Nunca vin ó PSOE nin ó Grupo Prisa tan interesados polas eleccións galegos. De feito, a chegada de Fraga á Xunta é responsabilidade do PSOE que lle fixo daquela a cambadela ó tripartito de González Laxe porque lle pedían moito. Ou acaso alguén non o recorda?

A participación do BNG deulle sentido a estas eleccións. Eles encargáronse de facerlle chegar á cidadanía que non estamos ante a "reválida" das eleccións estatais, senón que se escolle quen gobernará a Xunta. A verdade é que o candidato nacionalista Anxo Quintana (Quin) deulle un novo aire ó BNG. Creo que achegou máis o BNG á cidadanía, cun discurso que transmite unha sentimento de amor pola terra. Aínda que non posúa a formación intelectual de Beiras, eu considero que o cambio foi moi positivo nas filas do BNG. Precisamente, as enquisas agoiraban un aumento do BNG a medida que pasaban os días. O grande handicap do BNG e que non conta con medios afíns da envergadura do Grupo Prisa, Grupo Correo Gallego, etc...

Precisamente, as enquisas publicadas nos medios nestes días déixanme o medo no corpo. Parece que se ven de xeito demasiado evidente a intencionalidade das enquisas do Grupo Prisa, La Razón. Non me fío de ningunha delas.

E vós, ¿que opinades?

Segunda-feira, Junho 13, 2005

O GALEGO NA UE

Onte lin na Voz de Galicia, en Galicia Hoxe e mais en Vieiros unha nova sobre a presenza de galego (o éuscaro e o catalán entran no mesmo lote) na Unión Europea. Non comparto o entusiasmo desmedido do xornal Galicia Hoxe pero tampouco o pesimismo que mostra Vieiros na súa reportaxe sobre os temas. Vexamos moi sucintamente a que posición queda relegado galego no Parlamento Europeo.

1. O galego non será catalogado como "lingua oficial" da Unión Europea, ó contrario do que lle sucede ó gaélico irlandés, idioma que só confesan falalo habitualmente 70.000 persoas dos 4.000.000 de habitantes que ten Irlanda. Con todo, obterá o rango de "lingua de uso" da UE.

2. Os cidadáns galegos que así o desexen poderán elaborar os seus escritos dirixidos á UE no noso idioma, previa intermediación do Estado. Dito noutras palabras, témoslle que escribir os nosos orixinais en galego a unha axencia que creará o Estado español, que á súa vez lle remitirá á Eurocámara a tradución en castelán. O Estado español será quen asuma os custos.

3. Os europarlamentarios galegos que así o desexen (Daniel Varela, Carmen Gallego, Antón Sánchez Presedo...) poderán emprega-la lingua galega na Eurocámara sempre que queiran pero deben avisar con antelación para que o Goberno español busque intérpretes e corra cos gastos. ¿Algún europarlamentario galego empregará o noso idioma? Dubídoo

E vós, ¿que opinades?

Sexta-feira, Junho 10, 2005

AS ELECCIÓNS GALEGAS NA REDE

Estas eleccións galegas semellan diferentes. Por primeira vez se respira arelas de cambio en Galicia. Vemos ó grupo PRISA moi volcado na cobertura destas eleccións nunha clara estratexia por bipolariza-la campaña electoral entre o PP e PSOE e relegando o papel do BNG a unha mera comparsa. O PP, pola súa banda, contrataca converténdose convocando varias manifestacións para mañá (polo traslado do arquivo de Salamanca, polo casamento de gais... ¿esquezo algunha?). O BNG está a facer unha campaña seria, sensata e moi próxima á cidadanía (unha das eivas que se lle vía á fronte nacionalista en pasados comicios electorais). A palabra que define este proceso electoral é, sen dúbida, ILUSIÓN. A última mostra deste sentir atopeina no blog Fragagá. Se vos prace, botádelle unha ollada.

Domingo, Junho 05, 2005

FÓRA ENCE DA RÍA

Onte acudín á manifestación contra ENCE-Celulosas. A manifestación mobilizou á Pontevedra das grandes ocasións. Máis de 35.000 persoas, segundo a Policía Local, ou máis de 50.000, segundo os convocantes, ateigaron as rúas pontevedresas (malia a competencia do partido entre o Pontevedra-Cádiz) para pedir con voz vehemente que ENCE marche da Ría de Pontevedra. Estamos fartos do putrefacto arrecendo que ENCE lle obsequiou á cidade de Pontevedra, lastrando o desenvolvemento turístico da cidade e favorecendo ó aumento de casos de enfermidades respiratorias na cidade do Lérez. Por todo isto, esiximos que ENCE abandone a Ría de Pontevedra.

Quinta-feira, Maio 26, 2005

BLOGS EN CAMPAÑA

Semella que a rede está adquirindo grande protagonismo nestas eleccións como xa indicamos nalgunha opinión anterior. Desta volta, só me vou parar nas weblogs. Este foi o medio escollido por Anxo Quintana e Carme Adán, número 1 do BNG nas listas por Pontevedra, e tamén do socialista José Manuel Lage. Sobre a blog de Anxo Quintana xa fixen comentarios e non me vou repetir. No que concerne á blog de José Manuel Lage, observo unha constante repetición teimosa no proceso electoral (cóntese o número de veces que aparecen as voces PP, PSOE ou Fraga), mentres que Carme Adán opta por non ser tan obsesivamente repetitiva coas eleccións. Botádelle unha ollada se vos prace

Domingo, Maio 22, 2005

19-X: ARELAS DE CAMBIO

Recentemente unha enquisa da Voz de Galicia prognosticaba a perda da maioría absoluta por parte do PP. ¿Será certo? Sexa como for, só teño unha idea clara: serán os comicios galegos máis deputados da historia do noso país.

A rede non podía ser allea a esta precampaña. Xa está en marcha a voráxine electoral. A sociedade civil ecoa as arelas de cambio con iniciativas como Desta Vai, a difusión do documental Hai que botalos ou o manifesto No nome da esperanza, xa vai promovido por intelectuais coma Suso de Toro ou Antón Losada, entre outros. O cambio está no ambiente.

Ante a importancia destes resultados electorais, os tres principais candidatos fixeron a súa aposta por ter presenza no ciberespazo. O web de Manuel Fraga recorrer ó impacto visual para intentar capta-lo difícil feudo do voto da mocidade, obviando detalles turbios da súa biografía; polo contrario o líder do PSdeG opta pola mensaxe directa e concisa para atrae-lo voto dos cibernautas e Anxo Quintana recorre á sinxeleza do blog para mostrarse máis próximo ó cidadán cós anteriores candidatos.

Por todo isto, xa se albisca a posibilidade de cambio na Xunta. É a hora do cambio en clave galega. Eu apoiarei o cambio. E ti?



O BLOGMILLO OPINA: Aduaneiros sem fronteiras

Terça-feira, Maio 17, 2005

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2005: LORENZO VARELA



Benqueridos compañeiros do blogmillo. Os meus parabéns a tódolos que celebrades con entusiasmo e vigorosidade este Día das Letras Galegas, dedicada este ano ó poeta Lorenzo Varela, un escritor comprometido coa súa terra a pesar do seu exilio, coa súa lingua e cunha ideoloxía política perigosa para a época (republicanismo e comunismo). Se queredes saber máis sobre a figura do poeta podedes visita-las páxinas do IES As Lagoas, o especial da Biblioteca Virtual Galega ou de Vieiros. Desta volta Vieiros ofrécenos a posibilidade de elaborar un dicionario da emigración. A figura do poeta de Monterroso permitirá afondar no drama vivido polos emigrantes galegos ó longo da historia. FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS A TODOS CANTOS AMADES ESTA LINGUA NOSA.

O BLOGMILLO OPINA: Aduaneiros sem fronteiras

Terça-feira, Maio 10, 2005

A NOSA BENQUERIDA "CARMEN CALVO"

Indignación. Esa é palabra que mellor recolle o que sinto hoxe tras ler no xornal El Mundo as últimas declaracións da nosa "benquerida" Ministra de Cultura, Carmen Calvo. Eu penso que hai unha maldición que persegue á cabeza visible dese Ministerio ou, cando menos, prefiro pensar que se trata dun mal ollo a pensar na ineficacia e ineptitude de quen desempeñou e / ou desempeña ese cargo. Tamén teño que mostrar a miña perplexidade co Goberno español, quen é quen de defender en Bruxelas a cooficialidade na UE do catalán, vasco e galego (feito polo que os felicitei dende este blog) e agora di prefire destinar “máis recursos para facer máis e mellor cine español e dobralo para colocalo fóra das fronteiras que facer dobraxes a linguas cooficiais”. Cada vez entendo menos este goberno. ¿De que serve loitar afervoadamente para que o galego teña status oficial dentro da UE se logo non se pon o mesmo afán en algo tan básico e máis sinxelo como é a dobraxe ó galego de películas. Está visto que unha estremeña (Carmen Calvo) nin unha madrileña (Esperanza Aguirre) teñen sensibilidade ningunha cara ás linguas cooficiais que o Estado debe "conservar e PROMOVER" como así recolle a Constitución Española, a que din venerar tanto uns e outros.

Sábado, Maio 07, 2005

O GALEGO NA TELEFONÍA MÓBIL

Benqueridos compañeiros:

Acabo de ler no meu enderezo electrónico unha campaña iniciada coa pretensión de que o galego teña a presenza que se nos nega na telefonía móbil. A idea partiu da profesora Patricia Airas e de once alumnos do Instituto Esparís, situado no concello de Brión. O que comezou coma unha unidade didáctica converteuse nunha campaña reivindicativa asumida pola Mesa, CIG-Ensino e demais organizacións colaboradoras do Correlingua. A campaña consiste en enviarlles cartas ás multinacionais do sector, denunciando o agravio cometido (lembremos que o catalán aparece como posibilidade de escolla) contra o noso idioma. Quero agradecer dende este blog o labor da profesora e do alumnado implicado e manifestar o meu compromiso secundar a campaña iniciada no instituto de Brión.

Para máis información visitade a web de La Voz de Galicia.


Sexta-feira, Maio 06, 2005

LEXIONARIOS DE CRISTO: Unha praga devastadora

Estimados compañeiros. Asustado polo auxe que tiveron os lexionarios de Cristo en España trala chegada ó poder do PP propúxenme facer unha breve aproximación a esta seita ou como a queirades chamar.

A Lexión de Cristo é unha organización ultracatólica que foi creada en 1941 por Marcial Marciel Degollado, quen foi acusado de consumo de drogas e abuso de menores. A vertente seglar da organización é o Movemento Regnum Christi, fundada en 1949, no que dan cabida a persoas alleas á orde sacerdotal. A masa social da Lexión de Cristo compóñena máis de 600 sacerdotes e preto de 2500 seminaristas cunha forte presenza en Suramérica, Estados Unidos e Europa, a través de España como lugar estratéxico no continente. En España, teñen o control da Universidade Francisco de Vitoria, do mesmo xeito que a Universidade de Navarra está controlada polo Opus Dei.

O seu nome resulta bastante aterrador, "lexión". Precisamente a escolla dun nome tan belixerante responde a que eles se consideran o exército de Cristo que ten como tarefa evanxeliza-la sociedade secularizada. Cando oímos pola radio falar de grupos "fundamentalistas islámicos" asustámonos, pero ¿ por que non nos asustamos cando oímos falar deste grupo fundamentalista católico? Para os admiradores do papa Xoán Paulo II, quérolles recordar que o protagonismo adquirido por este movemento debeuse á connivencia do Papa, a quen lle profesan unha fidelidade absoluta e con quen traballaron á par. Karol Wojtila estaba temeroso do xurdimento dun movemento católico "progresista" como foi a "teoloxía da liberación" e o aperturismo do Concilio Vaticano II, polo que decidiu darlle apoio a este e outros movementos relixiosos que pretendían introducirse nos círculos máis influíntes da economía e da comunicación.

Ideoloxicamente, sitúanse á dereita da dereita política. Dígamolo claramente: na extrema dereita. Quizais o endurecemento do discurso político do PP veña a significar a relevancia adquirida por este grupo. Eis a doutrina que predican:
a) Cristo como modelo vida. Tratan de asemellarse a el, facéndoo modelo único para as súas vidas e propugnan transforma-la sociedade segundo o ideal de Home Novo en Cristo.
b) Visión machista da muller: "Cremos que a muller, en todo o que faga, debe gardar a súa condición feminina . O home quérea como ela é, muller con tódalas calidades e límites da súa feminidade. Non embargantes, chéganlle hoxe ás mulleres modelos de comportamento que lle proporcionan unha liberación falasa de tipo meramente sexual ou que a obsesionan co éxito profesional" (Maciel). Sen comentarios.

Reparemos sucintamente agora na presenza da Lexión en España, que amosa ben ás claras que acubilla esta seita:

1. Coa chegada do PP ó Goberno central, a Lexión recibiu máis de catro millóns de euros en subvencións durante os anos 2000 e 2002, segundo informa o portal web REBELION.ORG.

2. Desenvolven un programa de axuda ós desfavorecidos denominado Un quilo de axuda. En 1998 ese programa reportoulles máis de 2.500.000 euros e beneficios de preto de 500.000; unha parte importante desa cantidade foi reservada para crear unha carteira de valores.

3. O Colexio laico El Bosque (Villaviciosa de Odón) comprárono os lexionarios de Cristo en setembro de 2003. A cambio comprometéronse a non cambiar substancialmente a doutrina do centro. E abofé que non a cambiaron: contrataron un sacerdote; construíron unha capela anexa ó centro e separaron a mozos e mozasdende Primaria ata Bacharelato. Estes feitos provocaron a comprensible indignación dos pais. Non podía ser doutra maneira.

Á Lexión de Cristo pertence os políticos Ángel Acebes, Ana Botella e Jose María Michavilla ou Alicia Koplowitz, Oriol e Villapalos.

Terça-feira, Maio 03, 2005

19 DE XUÑO: ELECCIÓNS GALEGAS

Xa queda menos para os comicios galegos. Xa semella clara a estratexia de cada partido grupo (algúns xa levan en período preelectoral dende o último ano no Pazo de Raxoi). O PPdeG volve a mostrar unha actitude reivindicativa fronte ó Goberno central despois de oito anos de silencio. Casualidade? O PSdeG falará das bondades de Zapatero con Galicia, quen entrará en campaña xunto co líder da oposición, Mariano Rajoy. Unha revancha? Ante este panorama, o BNG, lonxe do xugo que teñen o PPdeG e PSdeG coas direccións estatais terá que evitar sempre o bipartidismo que pretenden implantar, mostrando as carencias duns e doutros de todos coñecidas. A moderación nas palabras de Quintana quizais poidan xogar ó favor da formación nacionalista.

Ó igual ca nas pasadas eleccións autonómicas, Fraga volve rexuvenecer cando menos nos carteis electorais. É que non pasan os anos por el. Está tan mozo coma cando asinaba PENAS DE MORTE na súa etapa de ministro franquista. A meu parecer, a imaxe rexuvenecida de Fraga nos carteis electorais responden a unha finalidade: poñer como argumento electoral a idade do presidente da Xunta e agochar deste xeito os temas que realmente nos importan ós galegos: a perda poboacional de Galicia, mitigada levemente grazas á inmigración; a precariedade laboral; a dificultade de acceso á vivenda e a un emprego digno; o escaso interese da Xunta pola normalización da lingua galega... Políticos do BNG e PSdeG, por favor, falen realmente das eivas de Galicia durante a época fraguiana e non discutan temas triviais que non interesan á cidadanía (a idade de Fraga; a pelexa dos conselleiros por iren nas listas electorais...).

VOTA POLO CAMBIO. Eu fareino.

Quarta-feira, Abril 27, 2005

XENTE DE AQUÍ E ACOLÁ (I): OS IMPUNTUAIS


Despois de longas reflexións, xa descubrín cal é o mal que padece a nosa sociedade. Insolidariedade? Egoísmo? Falta de valores? Non sei, pero sen dúbida ningunha, é a impuntualidade. A impuntualidade sen xustificación é o grande problema, pois indica unha falta de respecto cara ós demais, amosa certa desidia da persoa impuntual en chegar ó lugar acordado na hora acordada. Coñecedes vós a algunha persoa puntual? Se a resposta é afirmativa, prégovos que a coidedes ben porque son "rara avis" e axiña estarán, coma o lince ibérico, en perigo de extinción. A persoa puntual ten uns costumes que a afastan do resto da humanidade; se quedas con ela ás 21:00 h. ten por seguro que a esa hora en punto estará no lugar sinalado. Posiblemente sexa a única "especie" humana que estea a esa hora no devandito lugar, porque o resto da especie prefire chegar a destempo (ás veces, forzados ou por teima persoal do individuo) e así gañar o seu minuto de gloria no que tódalas olladas estean pendentes dos que chegan tarde.

Quinta-feira, Abril 14, 2005

A ALIMENTACIÓN DOS GALEGOS

Segundo lin no xornal La Opinión, famoso ultimamente pola "admiración" que sente Paco Vázquez por eles unha noticia sobre os hábitos alimenticios dos galegos. Semella que os galegos gastamos 1296 euros en comida, o que supón catro euros máis cá media española. Entre os alimentos consumidos, parece que a carne é un dos nosos preferidos, cun consumo superior nun 18 % á media española, só superados por aragoneses e castelán-leoneses; en cambio, semella que consumimos menos peixe (ocupamos o 6º lugar no ránking de autonomías), menos verduras e menos froitas. Non me estraña que ocupemos uns lugares tan destacados neste podium culinario por autonomías dada a grande profusión de festas gastronómicas que hai no noso país.

Máis información en: http://www.laopinioncoruna.com/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=22567&pIdSeccion=10

CAPITALISMO

Hai xa algún tempo, recibín unha desas mensaxes en cadea que me fixo pensar. Seguramente algún de vós xa a teredes recibido en varias ocasións. Non adoito ler este tipo de mensaxes en cadea, agás en moi raras ocasións. Vouvos reproduci-lo contido da mensaxe traducida ad hoc ó galego por min:

Un neno pregúntalle ó seu pai:
- Papá, ¿que é o capitalismo?
O seu pai mírao e dille:
-Ben, tratarei de explicarcho da seguinte maneira: eu alimento a esta familia, así pois digamos que eu son o capitalismo; túa nai é quen administra o noso diñeiro e, xa que logo, digamos que ela é o Goberno; tanto túa nai coma min estamos aquí para atende-las túas necesidades e, polo tanto, chamarémoste a ti, Pobo. Imos considera-la vosa coidadora como clase traballadora e ó teu irmanciño coma o Futuro. Agora pensa nos cinco conceptos e relaciónaos.

O neno vaise deitar e matina nas palabras do seu pai. Ás dúas da mañá sente ó seu irmanciño chorar e érguese para ve-lo que acontece. Achégase ó berce, levántalle o cueiro e dáse de conta de que hai que cambialo. Entra no cuarto dos seus pais, mira a súa nai durmida e, para non espertala, diríxese ó cuarto da coidadora e ve que a porta está pechada, mira pola pechadura e observa como o seu pai mantén relacións extramatrimoniais coa coidadora. Durante un intre, matina en petar na porta pero desiste de facelo e volve á cama.

Ó día seguinte, o neno dille ó seu pai:
- Xa me quedou moi claro que é o capitalismo.
-Alégrome moito, fillo; explícamo para ver se o comprendiches ben - contéstalle o pai.
- Ben, mentres o capitalismo fode a clase traballadora, o goberno está durmido, o pobo é ignorado e o futuro cheira a merda- sentencia o rapaz.

Estades de acordo? Agardo que a próxima vez que reciba esta mensaxe en cadea ma enviedes en galego. ;)

Terça-feira, Março 29, 2005

O ASCENSO DO GAÉLICO

Leo hoxe no Independent que Irlanda proponse que o gaélico recupere o espazo que nunca debeu perder no seo da sociedade irlandesa. Para conseguir este obxectivo, hai que dar pequenos pasos. Moitos pequenos pasos xuntos forman un gran paso. Neste caso, trátase da rotulación de cidades coma Dunquinn,Ventry e Tipperary(nome inglés) coa denominación gaélica que lle foi usurpada, Chaoin,Ceann dun Tra e Tiobraid-Arran. En suma, os topónimos continuarán a ser legais na forma inglesa pero a denominación gaélica pasa a ser OBRIGATORIA. Cal será o seguinte paso?
http://news.independent.co.uk/europe/story.jsp?story=624454

Segunda-feira, Março 21, 2005

REPÍTESE A HISTORIA DE TÓDOLOS ANOS: INCENDIOS

Falta de previsión. Ineficacia. Desinterese. Incompetencia. Cadaquén pode completa-la serie como mellor lle pareza, sempre que manteñan o mesmo motivo central: as actuacións da Xunta de Galicia ante os incendios que ano tras ano agroman no territorio galego.

Lin hai uns días na prensa que na provincia de Ourense xa se rexistraron cando menos 15 incendios debidos á seca deste inverno e á ausencia de precipitacións (vid. opinión titulada "U-la chuvia?"). É desesperante como ano tras anos os incendios asolagan a terra galega e falta capacidade de reacción. Falta de vontade política para acabar coa forza do lume. Volverei insistir neste tema durante o verán, aínda que oxalá non teña que tratalo, pois sería un magnífico sinal: sinal de que o Goberno galego actuou con dilixencia para contrarresta-los incendios.

Domingo, Março 13, 2005

O GALEGO NO CONGRESO?

Percibo con moderado optimismo as noticias que leo esta semana nos distintos xornais sobre a "relativa" oficialidade do galego no Congreso e no Senado: Galicia Hoxe, Vieiros, El Mundo.

Semella que estamos ante un momento histórico. Parece que por fin se vai recoñecer a diversidade lingüística de España con feitos e non con simple palabrería artificiosa carente de posta en práctica. Sería unha incongruencia que tralos esforzos realizados para que a UE recoñecese a oficialidade do galego, catalán e vasco non se fixese un labor similar no Congreso e no Senado, máxime tendo en conta o grande consenso acadado por tódolos partidos agás a postura do PP que se nega en redondo, recollendo o testemuño daquela Alianza Popular (AP) que votou en contra da oficialización das devanditas linguas e mailo rexeitamento do sector máis xacobino do PSOE que asocia erradamente a oficialización das linguas cooficiais de España con unha desmembración do Estado español. Supoño que as noites de insomnio non lles prestan ben a algúns e matinan en certas paranoias. Teño fe en que por fin se asuma con naturalidad o plurilingüismo estatal e confío en que ninguén poña obstáculos neste momento clave. Fallaranos algún partido político nesta xeira?

Segunda-feira, Fevereiro 28, 2005

O MAR PROTAGONISTA

Nos últimos días, semella que o MAR cobrou moito protagonismo. O mar tinguiu de loito a vila mariñeira de Burela co naufraxio do barco "Siempre Casina" que provocou a morte de dous senegaleses, un caboverdiano, dous peruanos e, por suposto, galegos. Toda Burela laiándose e rendéndolle homenaxe ós defuntos nun momento tráxico acompañados por representantes de formacións políticas con representación no Parlamento Galego (alguén notou en falta algunha ausencia? Eu si). Agardemos que o MAR sexa misericorde cos mariñeiros e que non se volvan repetir episodios coma este.

Mentres tanto, alén do océano Atlántico o buque Juan Antonio Nores foi apreixado o pasado venres acusado de faenar dentro de augas exclusivamente arxentinas. As consecuencias desta presunta falta de precisión non se fixeron agardar. Seguiremos atentos a ver que novas nos traen os xornais sobre os 33 tripulantes galegos do devandito buque.

Deixamos para o final as boas noticias, desta volta volvemos cruza-lo océano para volver a Galicia e a Ribeira, onde se percibe certa emoción polo Óscar acadado por Alejándro Amenábar co seu "Mar Adentro", inspirado na traxectoria vital de Ramón Sampedro. Un premio que serve para tributarlle a homenaxe que merece ó director do filme, á figura de Ramón Sampedro e, por suposto, ós actores galegos que participaron nela.

Así é o mar. É quen de traer alegrías pero tamén tristezas.

Quinta-feira, Fevereiro 24, 2005

PARABÉNS, VIEIROS

Un día coma hoxe hai nove anos comezaba a andar no ciberespazo o portal VIEIROS, que ao meu xuízo é, sen dúbida, un dos webs pioneiros na rede en lingua galega e, por conseguinte, un web clave para expansión posteriores de páxina na rede escritas no idioma galego. Nesta data tan especial, deséxovos parabéns a tódolos que facedes posible este portal dende os inicios.

Quarta-feira, Fevereiro 16, 2005

REFERÉNDUM 20-F

Novamente me adentro nas profundidades do meu blog para non ficar descolgado do blogmillo. Cada vez que dispoño de menos tempo para escribir nel, polo que intentarei escribir cando menos unha vez cada quince días. Non choredes a miña ausencia.

Trala resaca do San Valentín, xa se achega o día do referéndum sobre o "Tratado polo que se establece unha nova Constitución para Europa". Sobre este tratado só quería facer unha precisión: algún de vós conseguiu a devandita Constitución Europea en galego? Corrixídeme se me equivoco pero ningún xornal en galego regalou un exemplar da citada Constitución escrita no idioma propio de Galicia.

Hai varios días recibín este exemplar tras solicitarllo por correo electrónico ó Ministerio da presidencia (constitucioneuropea@mpr.es) aínda que tamén se pode chamar ó teléfono gratuíto 900 222 009. Anímovos a que a solicitedes, por compromiso co idioma galego, independentemente de que votedes SI, NON ou vos absteñades. Debemos reivindica-lo noso idioma en tódolos ámbitos posibles agora que nos xogamos a oficialidade do galego na UE. Un atento saúdo. Mil primaveras máis para o noso idioma.

Sexta-feira, Fevereiro 04, 2005

PACO VÁZQUEZ: PUBLIC ENEMY NUMBER ONE

Hoxe vin unha noticia que me alegrou enormemente o día en GALICIA HOXE. Máis de 600 persoas e colectivos presentaron no rexistro do consistorio coruñés as súas peticións de anulación da teima de Paco Vázquez de castelaniza-lo topónimo oficial da cidade herculina, desouvindo as sentenzas xudiciais e incumprindo flagrantemente a lexislación vixente.

Mentres tanto, no PSOE acusan a outras formación políticas de incumpri-la lei pero ninguén di nada sobre Paco Vázquez. A legalidade tena que cumprir Atutxa, pero Francisco Vázquez está libre de obedecer dictames xudiciais. Non quere dicir isto que eu defenda nin a un nin a outro: o que simplemente pido é "menos sectarismo". Agora xa non nos vale a expresión "Son cousas de Paco" que tantas veces ten dito o señor Touriño. Actúe xa como candidato responsable, señor Touriño.

Preme aquí para le-la noticia

Quinta-feira, Dezembro 23, 2004

O NADAL XA CHEGOU

Outro ano máis chega o Nadal co seu inseparable frío atmosférico, as panxoliñas e os bos desexos para o ano vindeiro (neste caso, o 2005). Quero aproveitar estas liñas, antes de me esquecer para felicitarvos a tódolos compañeiros do Ciberlingua e a todos aqueles que contribuídes a espalla-lo galego nas TIC. Bo Nadal e Feliz Ano 2005.

Quarta-feira, Dezembro 01, 2004

OS MÁRTIRES DE SOBREDO


O domingo pasado acudín convidado por R. á homenaxe ós mártires de Sobredo, unha data celebrada polos tudenses na que conmemoran a varios dos seus veciños asasinados en 1922 por se-los abandeirados das revoltas antiforais en Galicia e polo seu empeño en que os labregos puidesen acceder á propiedade plena das terras que traballan. Uns ideais que lle custaron a vida no referido lugar de Sobredo (Tui) hai oitenta e catro anos.

Teño que recoñecer que esta é a primeira vez que acudo a esta festa local tudense. O acto comezou ás 11:00 da mañá do domingo 28 de novembro de 2004. A esa hora comezou a procesión laica que nos levou ata o monumento ós mártires (elaborado polo escultor Camilo Nogueira, pai do político do BNG). Diante do monumento, depositaron distintos persoeiros e colectivos senllos ramos de flores como recordatorio. O voso recordo pervivirá na nosa memoria.

Como todo acto solemne que se precie, non podían faltar os discursos. Entre eles cómpre destaca-la arenga de Afonso Eiré nun ton sublime no que non esqueceu facer referencias á actualidade (Paco Vázquez, a situación do agro galego, Prestige...) ou o discurso da neta do escultor da obra, Alba Nogueira.

Nun acto desta xínea, non podía rematar sen que os asistentes puidésemos canta-lo himno galego e así fixemos. Non tódolos asistentes entoaron coa mesma intensidade o himno galego. Algúns políticos semellaban non sabelo e outras persoas cantábano con maior entusiasmo. O único que lamento do acontecemento é un maior compromiso dos distintos partidos políticos galegos no acto.

Segunda-feira, Outubro 11, 2004

O GALEGO E MAILO CONGRESO (I)




O Congreso avanza en materia lingüística. O Presidente do Congreso acordou cos deputados de comunidades-nacións-rexións bilingües poidan facer uso limitado e simbólico das súas linguas na Cámara. Os deputados que se acollesen a esta prerrogativa, deberían traduci-los seus textos ó castelán para dárllelos ós taquígrafos para que así conste no "Diario de Sesións". Un pequeno paso adiante máis para o galego se chega a producirse; agora só queda a nosa contribución persoal. Preme nesta ligazón para saberes máis.

O BLOGMILLO OPINA: Café Instantáneo

Domingo, Outubro 10, 2004

TRISTE SUCESO EN BUEU



Nesta fin de semana, o concello morracense de Bueu ficou conmocionado polo aforcamento dun veciño de 25 anos logo de agredi-la muller coa que estaba en trámites de separación. O mozo aforcouse logo de sufrir unha longa depresión. Unha tumultuosa relación de amor e desamor que rematou cos dous fillos da parella orfos de pai e nai.

O municipio de Bueu fica triste tralo infortunado suceso que segou a vida da parella. Agardemos que esta sexa a único caso que se rexistra da chamada "violencia doméstica", "violencia conxugal" ou "violencia de sexo". Cadaquén que escolla a nomenclatura que mellor lle pareza a esta lacra social que continuamente dá por concluída a vida de mulleres. Dende a nosa bitácora querémonos unir a dor compartida polos veciños de Bueu. Oxalá que sucesos coma este non se repitan NUNCA MÁIS .

Segunda-feira, Outubro 04, 2004

¿U-LA CHUVIA?

Téñovos que confesar que son un nostálxico dese grande tesouro da nosa terra: a chuvia. Hai tempo que non vexo chover coma antes e, sinceramente, bótoo en falta.

Recordo de neno e tamén de mozo as continuas chuvias que regaban a verde paisaxe da miña terra. Lembro aqueles invernos nos que a chuvia era común mentres a calor e sol ficaban en estado de hibernación ata ben entrada a primavera. E incluso recordo un inverno tremendamente chuvioso no que só tivemos unha semana seca. ¿Onde van aqueles tempos?

Cando chovía intensamente na miña terra, acompañada dun forte temporal, eu acostumaba poñerme diante da fiestra sen chegar a abrila. Miraba a xente que pasaba pola rúa cos seus abrigos totalmente anegados, miraba o batexar das ondas contra a praia miúda que queda preto da miña casa e escoitaba o continuo gotexar da chuvia.

Mais agora semella que o noso clima está a mudar. Eu diría que o clima de Galicia se está a mediterraneizar; xa non son tan frecuentes as chuvias de antes e mesmo sufriu algunha parte do territorio galego problemas de seca. Agardo que axiña volva o noso xenuíno clima. ¿Que sería de nós sen a poalla, o orballo, as balloadas, bategadas, chuvieiras, chuvascos ou a chuvia?

Quarta-feira, Setembro 29, 2004

RÉQUIEM POR Galicia Información

A prensa electrónica escrita en galego tivo a desgraza de asistir ó peche de Galicia Información, herdeiro do xornal dixital A Contrafío Xornal, do que fun un asiduo lector (sobre todo, da súa sección "Cacicadas") ata que unhas presuntas presións dende as altas esferas da política galega o borraron do ciberespazo.

As razóns do peche de Galicia Información estriban supostamente na falta de apoio económicos xa que as visitas á paxina son moi frecuentes polos internautas galegos. Agardemos que a saída de "Xornal de Galicia", da inmobiliaria Grupo San José, lle preste atención ó noso idioma en maiores porcentaxes do que nos teñen afeito no seu web. Non é tan difícil, señor Gómez. Esfórcese un pouquiño.

Domingo, Setembro 19, 2004

TEMPUS FUGIT

Hoxe fun embarcar no barco de Vigo a Cangas, como teño feito tantas veces. Para a miña sorpresa, hoxe atopei unha amiga a quen non vía dende a época do instituto. Como tódolos reencontros, este tamén se caracterizou pola ledicia e pola "tristura nostálxica". Ledicia por falar novamente con ela e tristura nostálxica ó evocar tempos pasados.

A miña compañeira contoume que estaba instalada en Ourense e que, algunha vez que pasaba polo noso concello natal, sentía unha mágoa ó ver que a maioría de mozos e mozas da nosa xeración tiñan feita a súa vida lonxe da terra que os viu nacer. Unha constante que caracteriza a evolución demográfica galega ante a parsimonia do executivo galego. E tamén falou do aspecto desértico que ten na fin de semana na nosa vila, agás no verán. E obviamente, do futuro laboral tan cru (aínda que ós medios de comunicación lles interesen máis a idade do octoxenario de Vilalba ou ó "órdago" da cúpula popular ourensá encabezada por Baltar).

Tempus fugit.

Quinta-feira, Setembro 16, 2004

PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Parlamento Galego debaterá en breve o novo "Plan de Normalización Lingüística". Entre as 445 medidas que inclúe para espalla-los usos sociais do noso idioma, hai algunhas que me impactaron. Como non vos quero aburrir, falarei moi sucintamente dalgunhas delas.

  1. Declaración institucional do Estado plurilingüe.- Paréceme unha medida moi interesante pero de difícil posta en práctica ¿quen a vai facer posible: o PP, o PSOE?
  2. Campaña dirixida a ximnasios para vencella-lo perfeccionamento físico coa lingua galega.- É dicir, estamos fortes porque falamos galego; se ti falas galego estarás tan forte coma nós. Anímate a falar galego e observarás melloras físicas. Dubido do resultado desta campaña, pero se dá exito, adiante.

GALEGO E RELIXIÓN

  1. Campaña "Deus, que nos deu a palabra, enténdeas todas (tamén o galego)".
  2. Difusión masiva dun folleto no que se recollan os fundamentos do uso da lingua dos fieis e de como isto é significativo da tradición cristiá, a diferenza doutras relixións como o xudaísmo ou o Islam.- Non entendo que se pretende conseguir con esta medida. O obxectivo do plan debe ser aumenta-lo número de galegofalantes independentemente da relixión que profesen. Se alguén me explica esta medida, estareille agradecido.
  3. Retransmisión da misa dos domingos desde diferentes parroquias.

OUTRAS

a) Coñecemento obrigatorio do galego por parte dos docentes

b) Recomendación de que os cursos voluntarios de galego puntúen nas oposicións de Sanidade.- ¿Por que neste caso se "recomenda" e antes se "obriga" ós docentes a coñece-lo idioma.

c) Aumentar un 30 % a porcentaxe de uso do galego nos medios da prensa escrita.

Tralo lido, quédanme bastantes dúbidas. Semella que nuns casos, os elaboradores propuxeron medidas de difícil cumprimento e outras moi pouco ambiciosas. Dá a impresión de que non pasaron da fase do remuíño de ideas e de aí certos desfases. En fin, ¿que opinades?

Quinta-feira, Setembro 09, 2004

MULTA POR FALAR EN CATALÁN

Hai uns minutos lin na edición do 9 de setembro do xornal Galicia Hoxe a seguinte noticia que transcribo integramente ó pé da letra:

" O portavoz do PSM no Consell de Mallorca, Antoni Alorda, reclamoulle onte ó Consell de Mallorca e ó Govern que recorran ante a Audiencia Provincial a sentenza imposta polo xulgado de instrución número catro de Inca a un condutor, Jaume Coll, ó que se lle impuxo unha sanción de tráfico e unha denuncia, "por se expresar en catalán'' ante os gardas civís que o detiveron. Considerou esta decisión como un "desatino'' da Garda Civil, xa que, ó seu ver, calquera persoa "ten dereito a falar en catalán cando queira''.

Realmente abráiame que aínda existan este tipo de sancións, en auxe durante a represión franquista. Hai actitudes que aínda perviven..... ¿Que acontecería se este resultado se dese na sociedade galega? ¿Habería grande contestación social? Creo que si

Quinta-feira, Setembro 02, 2004

O MORRAZO, OURO E PRATA EN ATENAS 2004

2004, ano olímpico coma outros pasados: Barcelona 92, Atlanta 96, Sydney 00... mais este ano foi distinto para os morracenses, en especial para as parroquias canguesas do Hío e de Aldán. Os referidos lugares celebran con xovialidade o éxito acadado en Atenas por tres mozos: David Cal, Tareixa Portela e Carlos Pérez. O primeiro, natural de Vilariño ( O Hío) acaba de pasar á historia do deporte galego por acadar unha medalla de ouro e prata nunhas olimpiadas; o primeiro campión olímpico galego. Os dous seguintes, naturais de Aldán, acadaron senllos diplomas olímpicos para o deporte galego. Non está mal. Os tres deportistas pertencen ó Clube de Piragüismo de Aldán, clube de grande tradición no piragüismo galego e español. Trátase dun deporte minoritario, con grande participación de galegos pero sen tanta repercusión coma o fútbol, baloncesto, balonmán, etc... ¿Alguén sabe cantas medallas conseguiu o fútbol, hóckey, baloncesto ou o balonmán español nas Olimpiadas de Atenas?

Segunda-feira, Agosto 30, 2004

EUROMINORITY

Hai uns días chegoume un e-mail que trataba sobre a recollida de sinaturas que está a levar a cabo o portal Eurominority. O devandito portal web está a realizar unha intensa campaña para conseguir que as linguas minoritarias ou rexionais europeas conten cun estatuto, que os usuarios desas linguas nos poidamos dirixir na lingua autóctona ó PE e que a futura Carta Magna Europea sexa traducida ás devanditas linguas.

De momento, levan recollido 4557 sinaturas a día de hoxe. Eu xa asinei ¿E ti? ¿Xa asinaches?

Terça-feira, Agosto 10, 2004

QUEREMOS CASAR EN GALEGO

O sábado pasado asistín a unha voda, a voda de S. e T. na igrexa de San Miguel de Marcón. Por certo, os meus parabéns á parella. Na devandita cerimonia, o párroco mostrou bastantes reticencias a face-la misa integramente en galego, como pedira a parella. Agás pequenos intervalos na homilía a misa foi en castelán, salvo honrosas excepcións. Os noivos fixeron as súas promesas integramente en galego e unha das freguesas leu tamén o evanxeo integramente en galego.

Segundo me comentaron nun principio o cura era bastante reticente a emprega-lo galego por discrepancias coa norma estándar; tal actitude, na miña opinión amosa un claro desprezo polo galego e tamén me resulta curioso de que sexa a poboación castelanfalante a que ataque con maior virulencia a nosa norma estándar. Que paradoxo!

Paréceme algo vergoñento que o sacerdote non accedese ós desexos da parella de celebra-la misa no noso idioma. Aínda que só sexa polo feito de paga-la cerimonia, os noivos teñen dereito a escolle-la lingua do casorio. A lei da oferta e da demanda cando menos coñeceraa.

Todos coñecemos como é a Igrexa e o seu papel na historia de España e Galicia, sempre ó lado de gobernos autoritarios (Primo de Rivera, Franco). Noutros lugares, a Igrexa xogou un papel determinante na conservación de linguas vernáculas como é o caso do catalán, vasco ou polaco. Pero en Galicia o único que fixo foi intentar soterra-lo noso idioma e, ultimamente, seica están a facer do púlpito unha tribuna política coma en épocas pasadas. ¿Por que será?

Quinta-feira, Maio 27, 2004

O TAMAÑO IMPORTA

Hai uns días corroborei definitivamente as miñas sospeitas: tanto a homes coma a mulleres lles importa o tamaño. ¿Como cheguei a esta conclusión? Eis a resposta.

Onte collín o barco de Cangas a Vigo, como vin facendo habitualmente durante todo o mes. O día era agradable, brillaba un chisco o sol pero non había calor. Cheguei a Vigo ás 17:20, mais ese día notei unha maior concentración de xente no porto de Vigo. Durante uns segundos mirei de fite en fite á xente e pensei para min: ¿A que se deberá esta aglomeración de xente no lugar? Xurdíronme varias posibles respostas: ¿Estarían protestándolle a Horacio polo descenso a segunda do RC Celta de Vigo? ¿Estarían mostrando a súa indignación contra a clase política viguesa? ¿Estarían celebrando o día agradibílismo que nos tocou vivir? ¿Será esta a homenaxe dos vigueses e viguesas a Felipe e Letizia con zeta?

De socato, reparei nos rostros da xente. Case todos estaban concentrados nun punto. Estaban mirando o "Queen Mary 2", ese barco luxoso de grande envergadura que estaba atracado na cidade olívica. Mirei durante unhas milésimas de segundo para o Queen Mary 2 e proseguín o meu camiño.

.

Sábado, Maio 15, 2004

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2004

Xa chegou o ansiado Día das Letras Galegas. Este ano a persoa homenaxeada e o etnógrafo Xaquín Lorenzo "Xocas", un estudoso da cultura galega tradicional.

Como tódolos anos a estas alturas xorden voces discrepantes sobre a celebración da festa: ¿por que os homenaxeados teñen que estar mortos? ¿Cando teremos unha festa estrictamente literaria? Xavier Queipo reflexiona sobre algún destes temas no seu artigo Letras Vivas publicado en Vieiros.

Precisamente, como vén sendo habitual tódolos anos, o portal web Vieiros sorpréndenos cunha interesante iniciativa. Desta volta, convida ós usuarios a que colaboremos para achega-la nosa contribución á linguaxe dos móbiles en galego: inclúe un diccionario de SMS, un concurso de creación de epitafios coa linguaxe dos móbiles e unha entrevista con Carmela Domínguez Cuesta, lingüista estudosa desta peculiar linguaxe. E como agasallo, un corrector automático para MAC, fondos de pantalla con imaxes do filme " O carro e o home" (con guión do Xocas) e unha postal para celebrar este Día tan especial para nós.

OITO ANOS DE SORPRESA GRATA. Moitas grazas ó portal referido.

Segunda-feira, Abril 26, 2004

O NOVO GOBERNO E AS LINGUAS DO ESTADO ESPAÑOL

A aposta do poder executivo español polo purilingüismo acólloa con moderado optimismo. Eis algunhas das medidas: a decisión de incluí-lo catalán, galego e éuscaro como linguas oficiais da UE ou as últimas declaracións do presidente do Senado na que demostra ter interese en que tódalas linguas do Estado español poidan ser empregadas na Cámara Alta. Celebro esta declaración de principios, aínda que espero ansiosamente que se convirta en algo máis ca "palabras, palabras, palabras", parafraseando a Shakespeare.

Parece que esta iniciativa do Estado español, está a chegar ó Estado veciño; de feito, acabo de recibir por e-mail unha ligazón interesante na que se inclúe unha recollida de sinaturas electrónicas para a oficialización das linguas de Francia na UE: corso, catalán, éuscaro, occitano, bretón. Asinade.

E sen movernos da rede, queríavos advertir que o buscador Alltheweb permitíanos, nas súas opcións de procura avanzada, buscar páxinas webs en diferentes linguas. Ata hai pouco podiamos seleccionar a opción de busca de páxinas a lingua galega, pero dende haberá un mes esta opción non aparece. Podemos buscar webs en islandés, farsi ou catalán, pero non en galego. Habería que facer unha campaña para que nos tomen en serio, ¿non credes? ¿animádesvos?

Terça-feira, Abril 13, 2004

O GALEGO E A MOCIDADE

Acabo de visita-lo Foro do Ciberlingua, unha das actividades deseñadas nos obradoiros do Ciberlingua e fiquei desnortado ó le-las opinións dos mozos e mozas de 1º e 2º ESO. Se as ledes con certo detemento vedes que a competencia lingüística en galego está a diminuír. Intúo que o galego se está a converter nunha "lingua estranxeira" para a meirande parte deles: semella que pensan en castelán e traducen os seus pensamento a unha lingua descoñecida para eles. E o máis grave, percibo certa adversión cara ao noso idioma por parte de algúns mociños da ESO (principalmente, as nenas). Gustaríame sabe-la vosa opinión. Quizais sexa moi esaxerado na miña análise ou quizais sexa realista. Creo que xa abonda de intentar desterrar prexuízos e hai que recuperar falantes. Velaquí o dilema.

Quinta-feira, Abril 08, 2004

BARNETEGIA, O "GRANDE IRMÁN" DO ÉUSCARO

Hoxe lin en Vieiros que ETB-1 dispuxo na súa grella televisiva un programa singular: Barnetegia (en éuscaro "internado"). O programa viña a ser outra das moitas adaptacións do "Gran Hermano" que invaden o panorama televisivo do Estado español, pero con algunhas diferenzas. Desta vez, semella que non se puxeron cámaras en lugares indecorosos nin se emitiron as prácticas sexuais dos concursantes. Os responsables deste programa querían destaca-la vertente cultural do produto no lugar da busca incesante do morbo que caracteriza ao "Gran Hermano".

Catorce persoas foron chamadas a participar neste experimento televisivo (entre elas, un descendente de vascos que vive en Nova York e un arxentino interesado polo idioma de Euskalherria. O seu cometido é mellora-la competencia lingüística nese idioma a través da convivencia cotiá con outras persoas durante tres meses. O vencedor do concurso, Eneko, obtivo como recompensa unha viaxe aos centros vascos de Bos Aires e Nova York. Sen dúbida, os vascos saben como promociona-lo seu.

Despois de le-la noticia fiquei pensando se tería éxito unha proposta semellante para o caso do galego. Sonche bastante escéptico. Non sei que opinades vós. Eu creo que se houbese un "Grande Irmán" para mellora-la aprendizaxe do galego non habería moitas persoas dispostas a participar e os sectores reaccionarios da sociedade galega (abofé que os hai) xa se encargarían de botalo abaixo.

A modo de despedida, quería expoñer que non son moi partidario deste tipo de "reality shows".... pero se serven para potencia-lo agarimo por unha cultura (a vasca, a galega) e animar a persoas castelanfalantes a que aprecien o tesouro que temos, paga a pena arriscarnos con este produto, non?

Sábado, Abril 03, 2004

DE VOLTA

Benqueridos, internautas e blogueiros:

Desculpade a miña ausencia durante as últimas dúas semanas. Aquí me tedes de novo. Rematada a voráxine electoral, semella que a normalidade volve presidi-lo escenario político. Sen dúbida, era necesario un cambio de talante, un cambio de goberno. Lamento profundamente o pouco peso que tivo a noticia do Prestige na campaña electoral. A maior desastre ecolóxica da nosa terra quedou soterrada e esquecida nos comicios electorais de marzo de 2004. Este feito demostra o peso político que ten Galicia no Estado? Penso que vivimos no país da desmemoria e, por iso, goberna quen goberna. Algúns falan da "segunda transición" nesta oitava lexislatura, pero ¿cando asistiremos á primeira transición en Galicia? Cada vez son máis escéptico ao respecto, pero cando menos intentaremos contribuír a que este fito se produza axiña. Saúdos, camaradas.

Segunda-feira, Março 15, 2004

AS ELECCIÓNS XERAIS DE 2004 NO MORRAZO

O pasado domingo 14 de marzo acudiron a votar 47.658 morracenses, o que supuxo un aumento na participación electoral; en Moaña, por exemplo o índice de participación foi dun 76.66 % fronte ós 66.17 % por cento das eleccións xerais de 2000; o concello con menor participación foi Marín con 71.36 % dos censados (un aumento do 9 % con respecto á cita electoral de 2000). Bueu e Cangas con 74.10 e 75.56 % corroboran a importancia desta cita electoral.

Os acontecementos do 11-M influíron notablemente no descenso da abstención. Este feito quedou manifesto no concello de Moaña cun 23 %, mentres que Marín rexistrou a porcentaxe máis alta de abstencións(28.60 %).

Canto ós resultados electorais da nosa comarca, obsérvase un retroceso do PP e do BNG (ámbolos dous perden respectivamente 1291 e 1209 votos con respecto ó ano 2000) , un espectacular aumento do voto socialista (con 8721 votos máis ca no ano 2000) e un pasesiño crecemento do voto de EU-IU (duplicando tamén tamén os resultados acadados en 2000).

O PP obtivo na comarca do Morrazo 21.486 votos fronte ós 22.777 colleitados no ano 2000. Case 1300 votos perde con respecto ós comicios pasados. O "castigo" ós populares produciuse, sobre todo, en Cangas, vila na que perdeu 538 votos mentres que en Marín, Moaña e Bueu acalmou o temporal con 324, 215 e 214 votos perdidos respectivamente. A teor destes datos, podemos afirmar que o PP mantivo o tipo no Morrazo grazas a un electorado moi fiel e devoto
.

Espectaculares son os resultados do PSOE que obtén 16368 votos nestas eleccións fronte ós 7647 do ano 2000. Unha suba porcentual de máis do 100 %. Esta suba viuse refrendada en maior medida en Cangas (+3012), Marín (+2642) e Moaña (+2114) mentres que en Bueu a suba é un pouco menor, con 953 votos máis para o PSOE. Esta suba explícase por se tratar dunhas eleccións xerais e polos sucesos de Madrid.

Sen dúbida, o bipartidismo dominante tralo atentado terroristas do 11-M truncaron as expectativas de mellora dos nacionalistas no Morrazo. O BNG perdeu 1209 votos con respecto ó ano 2000 e desta vez conseguiu 8581 votos, un descenso moi similar ó que experimenta o PP. Este descenso tivo maior impacto nos mesmos feudos en que maior foi a baixada do PP, en Cangas e Marín. Na vila canguesa 446 votantes retiráronlle o seu apoio ao BNG e en Marín, 517. Polo contrario, en Moaña o BNG resistiu ben a tempestade electoral e só perdeu 59 votos mentres que en Bueu perdeu 187. Vese, xa que logo, unha maior fidelidade ó BNG nos concellos de Moaña e Bueu, por esta orde, ca en Cangas e Marín.

EU-IU salvouse da desfeita da executiva federal no Congreso dos Deputados e mostra unha lenta e tenue progresión en Galicia e tamén na nosa comarca. No Morrazo, EU-IU é xunto co PSOE o único partido político que mellora resultados con respectos a 2000. No entanto, a súa suba é anecdótica en termos cuantitativos :dos 579 votos logrados en 2000, consegue agora 1262. Resultados esperanzadores para o futuro desta formación na comarca. A súa maior suba prodúcese en Cangas con 291 novos votos, seguida de Marín (+ 170), Moaña ( + 149) e Bueu (+ 73),

Como conclusión, cabe destacar que o bipartidismo se acentuou na nosa comarca coma no resto do Estado Español e que a consecuencia dese bipartidismo foi un aumento espectacular do PSOE e un retroceso idéntico de PP e tamén do BNG. Hai un dato significativo: malia ó Prestige, a guerra, o 11-M e as fazañas de Urdaci, o PP segue a se-la forza política con máis votos no Morrazo e tamén en Galicia. Isto significa que o PP ten un electorado moi fiel que incluso nas desgracias está co partido.

Para máis información, vede a páxina do
Ministerio do Interior.

Sábado, Março 13, 2004

11-M: O ATENTADO DE MADRID





Xa transcorreron dous días dende o atentado terrorista de Madrid, xa coñecido mundialmente como o 11-M. Máis de 200 falecidos e máis dun milleiro de feridos foron as vítimas desta cruenta masacre; entre elas, unha nena de 7 meses. ¡Que vida máis curta! Desacougo, intranquilidade, mágoa e bágoas regando Atocha, Alcalá de Henares e El Pozo del Tío Ramundo, símbolo outrora da resistencia franquista en Madrid. Estudiantes, inmigrantes e capas humildes da sociedade falecidas ante a barbarie terrorista.

A resposta da sociedade galega ante os dramáticos sucesos foron contundentes. En Pontevedra, a manifestación á que acudín, asistiron máis de 75.000 persoas mostrando a súa solidariedade co pobo madrileño, ós que sentimos moi próximos nestas horas fatais.

Dende este blog, queremos mostrar, a título persoal, o noso sentido pésame ós damnificados por esta masacre e mostra-la nosa repulsa a todos aqueles individuos ou colectivos que violan, de diferentes xeitos, o dereito fundamental dos seres humanos: o dereito á vida. PAZ

Terça-feira, Março 02, 2004

O NEGOCIO DO SÉCULO: AUGA DA BILLA A 1.4 €

Estimados internautas. Algún de vós está desempregado? Teño a solución para os vosos males. Que vos parece introducir en botellas baleiras auga da billa e comercializala despois? Os custos de produción serían 0.01 € euros por botella e o prezo do produto final poderiamos poñelo, por acaso, en 1.40 €. Calculade vós os beneficios.

Como reclamo publicitario do produto podemos dicir que se trata de "auga purificada procedente do Támesis" (se mal non recordo) e, por suposto, haille que lle poñer un nome ao produto: Dassani, por exemplo.

Algúns de vós neste momento estaredes a pensar que este blogueiro está mal da chaveta. Eu, no voso lugar, tamén o pensaría. Boedense pretende timarnos: vendernos auga da billa e lucrarse cun negocio de poucos custos e altos beneficios. Non vos son tan ruín como poidades pensar a teor deste texto. Mais, a empresa Coca Cola, si. Coca Cola está a comercializar no Reino Unido esta auga tan pura. O negocio do século. Xa postos poderiamos vende-los ouriños nunha botella e dicir que se trata de "auga purificada amarelada". O que vos dicía ao comezo do escrito. O negocio do século.


Segunda-feira, Março 01, 2004

ELECCIÓNS ESTATAIS 14-M (I)

Ola, camaradas. Fágovos un convite. Imos facer un percorrido dende a miña casa, en Bueu, ata Tirán. Na nosa viaxe imos reparar nos carteis electorais (ou cartaces; cadaquén que o chame como lle pete). Chegamos ó centro urbano de Bueu e vemos que predominan os carteis do BNG. Non obstante, para compensa-la presenza dos carteis electorais do BNG no concello, de cando en vez o coche-anuncio do PP e PSOE coas súas peculiares melodías. Non sei se pretenden gañar votos espertando un sábado ás 09:00 h da mañá. Se hai algún damnificado máis polos coches-anuncio, que me avise. Podémonos afiliar ó partido político Ciudadanos cabreados.

Seguimos coa condución e chegamos desta vez ó concello de Cangas. Ata chegarmos ó centro urbano, apenas reparamos nos carteis electorais de ningunha formación, pero a situación cambia ó aproximármonos a este punto. Inmediatamente antes da parada de autobuses podemos ver a Olaia Fernández dez ou doce veces (non bebín nada, señores e señoras) pero unha vez sobrepasada a estación proliferan os carteis electorais do PP.

Pero, sen dúbida, o que máis me chamou a atención foi un cartel que atopei unha vez que cheguei ao IES Rodeira.... Atopei unha pancarta do PSOE: ZP en acción para salvar Hespaña do imperio da dereita españolista. Non volvín atopar novamente a efixie do político socialista agás en sitios ben agochados de Bueu. Sen dúbida, os socialistas cangueses e bueuenses non se esmeraron moito en pegar carteis.

Hai que lle recoñece-lo mérito aos militantes nacionalistas e conservadores das dúas localidades polo seu intenso labor á hora de pegar carteis, mais aquí vos deixo unhas preguntas por se vos decidides a respondelas ¿Cando abandonaremos o "merchandising" político e cando falaremos dos programas electorais en debates? ¿Cando se falarán dos temas que realmente nos preocupan ós galegos nun debate? ¿Que é un debate? ¿Non sería máis barato organizar debates (varios, non un) que empapelar as cidades coa efixie de políticos?





Domingo, Fevereiro 22, 2004

AS ELECCIÓNS EUROPEAS

Por desgracia ou por fortuna, segundo como se mire, neste ano 2004 os galegos acudiremos a votar en dúas ocasións: as eleccións estatais de marzo e as europeas en xuño. Sobre esta última cita electoral para nós queríame deter un momento. Leo na canle GALEGO.ORG de Vieiros a irrupción dunha forza política minoritaria de corte esperantista. Chámase este partido "Europa-Democracia-Esperanto". As súas reivindicación artéllanse arredor do potenciamento da pluralidade lingüística europea pero, á súa vez, converte-lo esperanto na lingua da UE (unha proposta que dificilmente sairá adiante) fuxindo da hexemonía da lingua inglesa.

Para seren consecuentes coa promoción da diversidade traducirán o seu web a tódalas linguas da UE, verbigratia, vasco, luxemburgués ou catalán. Desgraciadamente, esqueceron o galego. ¿Preguiza ou ignorancia?Bótalle unha ollada á noticia.

Sábado, Fevereiro 21, 2004

¿DIÁLOGO OU CRISPACIÓN?

Despois de moitas reflexións cheguei a unha conclusión: a palabra "diálogo" non a coñecen os dirixentes populares. Hai tempo que deixaron de empregala. Supoño que iza-la bandeira do "diálogo" non lles reporta réditos electorais e por iso prefiren as palabras "oportunismo", "harpías". Todas estas reflexións chegan despois do comportamento do PP ante a presunta negociación de Carod Rovira e ETA para a tregua dos atentados da banda terrorista en Cataluña. No caso de seren certos os acordos logrados trala reunión, paréceme repugnante a actitude do secretario xeral de ERC, pero isto non exime a responsabilidade que ten o séquito aznariano por emprega-lo "terrorismo" con clarísimos fins electorais. Vede esta ligazón.

Aproveito estas liñas para pedir máis diálogo na vida política e para que se debata sobre a precariedade laboral ou as dificultades de acceso á vivenda, por exemplo.

Sábado, Fevereiro 14, 2004

O LIXO DO NOSO MAR

Hai uns días collía o barco de Vigo a Cangas. Estaba acompañado por un amigo. Ficamos de pé para ve-las "ondas do mar de Vigo" cantadas por Martín Códax. É unha sensación agradable olla-la grandeza e o señorío do mar na noite. Ó afastarnos do peirao, en dirección ó corazón do Morrazo, vexo unha moza un pouco máis vella ca min. A moza estaba a fumar un pito. Reparo nela (non me preguntedes por que). Nun grande acto de xenerosidade, cando remata de fuma-lo seu pito tírao ao mar.

Reflexiono en voz alta: ¡Falta educación neste país! ¿Cantos pitos e cigarros haberá no mar acompañando ós alcriques, ás xoubas ou ás sardiñas, por acaso?

Volvo entrar un día máis tarde no mesmo barco. Hai un cartel ben grandiño que no que se le "prohibido botar lixo ó mar". Volvo pensar na moza aquela.

COIDEMOS O NOSO MAR.

Terça-feira, Fevereiro 10, 2004

WINDOWS XP EN GALEGO

Leo no canal GALEGO.ORG hoxe que nun espazo de dúas semanas aproximadamente o Windows XP contará cun tradución ao galego. Noticia agardada aínda que chega un chisco tarde. Con todo, agardemos que, dende agora, a Xunta mostre algún interese por incorpora-lo galego a este eido, un sector chave para a mocidade e no que a Administración autonómica actúa con moita pasividade.

Non debemos esquecer nesta historia a sempre reivindicativa Mesa pola Normalización Lingüística e as súas continuas presións a Microsoft para que se dignase a ofrece-lo paquete do Windows XP no noso idioma. Quero tributar unha sentida homenaxe dende estas liñas a todos aqueles que contribúen a conquistar territorios no universo da Internet e da informática para que o galego viva "mil primaveras máis" como dicía Cunqueiro.Aquí te-la noticia

Sábado, Fevereiro 07, 2004

UN NOVO BLOGUEIRO

Ola, estimada xente. Iníciome dende hoxe nas bitácoras sen ter moita idea grazas ó entusiasmo de Turzi. Pouquiño a pouco avanzaremos. Saúdos a tódolos que lean isto.